Este luns inician a preparación dun aparcamento en superficie en Monte Porreiro

Pontevedra
04 de marzo 2024

Trátase dun espazo municipal situado entre as rúas Alemaña e Eirín. Actualmente os vehículos aparcan accedendo pola beirarrúa e polo paso de peóns. O Concello canalizará as augas pluviais, protexerá a beirarrúa, botará unha base a esta superficie e asfaltará a rúa Eirín

Espazo onde se atopa a zona de aparcamento en Monte Porreiro Google Maps

O Concello de Pontevedra decidiu actuar nunha parcela municipal que non se atopaba reordenada na urbanización de Monte Porreiro.

Os vehículos utilizaban ese espazo situado entre as Rúas Alemaña e Eirín para aparcar accedendo por riba da beirarrúa e polo paso de peóns.

O goberno local ten previsto mellorar a superficie, canalizar as augas pluviais, protexer a beirarrúa e asfaltar a Rúa Eirín, neste último caso a obra vai afrontarse no mes de abril.

Alberto Oubiña, concelleiro delegado do barrio, e Xaquín Moreda, responsable de Servizos Urbanos básicos, ordenaron iniciar este luns 4 as obras para acondicionar este espazo, que permanecía en mal estado.

A asociación de veciños O Mirador solicitou esta mellora para que os vehículos teñan unha entrada e saída únicas a esta parcela protexendo as beirarrúas para evitar que se acceda por outras zonas.