Poio xa ten tarxeta de felicitación para este Nadal. Será un debuxo realizado por Sofía García Torres, unha veciña de San Xoán de 14 anos.
No concurso de tarxetas de Nadal organizado polo Concello de Poio foron seleccionados cinco debuxos, un por cada parroquia. Entre eses cinco, elixiron a tarxeta de Sofía para enviar a felicitación institucional nestas festas.
Os gañadores son, ademais de Sofía García, Eva Rivas Torres, 11 anos e de San Salvador; Samuel Cochón Alonso, 14 anos, de Combarro; Aitana Martínez Alonso, 10 anos, de Samieira; e Cristóbal Miranda Fernández, 4 anos e de Raxó.
O Consello Municipal de Cultura, do que forman parte membros da corporación e representantes das asociacións SCD de Raxó, SCD de Samieira, AC Vides Novas, AVV Boureante e do Ateneo Corredoira, foron os encargados de facer esta selección.
Analizaron case 300 deseños presentados por escolares menores de 18 anos que residen en Poio.
As autoras e autores das cinco postais gañadoras recibirán un premio en metálico de 60 euros e un agasallo conmemorativo. A entrega dos premios farase o luns 23 de decembro, ás 17.30 horas na carpa Poio Máxico, instalada na Seca.
A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, agradece a implicación dos escolares, e destaca a calidade, orixinalidade e creatividade dos traballos que presentaron.