A Festa da Troita xa chegou á Alameda de Ponte Caldelas despois de facer un percorrido polas distintas parroquias do municipio durante as últimas semanas. Como colofón ao Maio Troiteiro, durante a tarde-noite deste sábado e este domingo haberá posibilidade de degustar troitas fritidas e en escabeche no posto de degustación instalado nesta zona do centro.
Os fogóns acenderon sobre as 19.00 horas deste sábado e estarán traballando este domingo en horario de mañá e tarde, de 12.00 a 14.30 e de 19.00 a 21.00 horas.
Os prezos continúan sendo populares e a ración de troitas, con pan e un vaso de viño ou botella de auga mantéñense nos 3 euros.
Como xa sucedeu nos dous últimos anos, a Praza de España e a Alameda de Ponte Caldelas contan unha especial iluminación que se acendeu este venres con motivo da Festa da Troita e que se manterá durante todo o verán, ata o mes de setembro. Este ano, ademais do tradicional paraugas que cubre a fonte luminosa e o resto da Praza de España, como novidade, tamén se instalou unha iluminación branca que cubre toda a Rúa da Igrexa.
Este sábado as actividades comezaron ás 8.30 horas, co concurso internacional de Pesca Deportiva na súa categoría Sénior e Veteranos, e a partir das 17.30 horas comezaron as exhibición de baile de grupos locais, nas que participaron o Club Treboada, o grupo de baile moderno do Colexio Público A Reigosa, o grupo de baile rexional Escola de Bailes Tradicionais Trouleada de Ponte Caldelas, o grupo de baile infantil da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade, o grupo de bailes de salón ‘Máis Que Baile’e o grupo de bailes de salón ‘Ponte Caldelas Baila’.
Tamén este sábado tivo lugar o Certame de Corais, que por primeira vez se realizou na Alameda de Ponte Caldelas. Participaron a Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas, a Coral Polifónica Ventos do Val de Mos e a Coral Trasdeza de Silleda.
Pola noite, a nota musical chegou co Festival Troita Folk, coas actuacións do grupo de baile da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade e o Grup Folkloric Sa Colla de Buscastell de Ibiza; e coa verbena coa orquestra Alizanza e a Eme Music Disco Móvil, co Dj David Expósito de Radio Lider.
Este domingo o concurso de pesca comeza ás 9.00 horas na categoría Feminina, Xuvenís e Infantís. Ás 12.00 horas comeza o pasarrúas coa Banda de Música de Meaño, ás 13.00 horas terá lugar a entrega de trofeos do Campionato de Pesca na Alameda de Ponte Caldelas e rematará o acto co concerto da citada Banda de Música ás 13.30 horas.
A actividade de clausura será o concerto de Cantos de Taberna cos grupos Catro Ventos e Cantanascroas, que se enmarca no I Festival Troita Folk de Ponte Caldelas.