Ao redor das 13.10 horas, máis dunha ducia de axentes dos Grupos de Reserva e de Seguridade (G.R.S.) da Garda Civil armados e coas caras cubertas accederon a unha vivenda do primeiro piso do número 15 da rúa Paseo de Colón onde se realizaron rexistros dentro do operativo antidroga que se iniciaba a primeiras horas deste luns no Vao de Arriba.
A imaxe sorprendeu á veciñanza da zona ao ver como os axentes chegaban en diversos vehículos e furgonetas que aparcaban na contorna do edificio e baixaban con rapidez entrando no portal do inmoble. Tamén levaban un can para detectar a presenza de droga. Dous dos axentes portaban un ariete co que romperon a porta da vivenda obxecto da investigación. "Foi un zambombazo", comentaba unha veciña que se asustou ao escoitar o estrondo da apertura violenta da porta.
Os veciños da contorna indican que na vivenda reside unha familia conflitiva, que leva tempo implicada en asuntos relacionados co movemento de drogas e varios dos seus integrantes xa estiveron en prisión por delitos contra a saúde pública.
Aos poucos minutos, os axentes de GRS abandonaban o edificio onde permanecían outros axentes da Garda Civil para completar a investigación. En breve, incorporáronse tamén catro policías nacionais. Dous deles quedaron controlando a entrada ao inmoble mentres que outros dous subiron para realizar a inspección na vivenda, fronte a atónita ollada dos viandantes.