Espazo Común presenta ás municipais unha candidatura encabezada por tres mulleres "emprendedoras", "rebeldes" e "con sentido común"

Pontevedra
02 de marzo 2023

Nos postos de saída da lista electoral estarán, por esta orde, María Rey, Marga Soliño e Lucía Montoto. María Rey manifestou este xoves que "a igualdade ben entendida nunha lista electoral baséase na meritocracia, baséase na valía das persoas, pero non nunha cuestión de xénero"

Ernesto Vázquez-Rey, Marga Soliño, María Rey e Carlos Diéguez PontevedraViva

O proxecto Espazo Común por Pontevedra presentarase ás eleccións municipais do 28 de maio en Pontevedra cunha candidatura encabezada por tres mulleres. 

Nos postos de saída da lista electoral estarán, por esta orde, María Rey, Marga Soliño e Lucía Montoto. As dúas primeiras xa de coñecían e este xoves o partido político deu a coñecer a terceira muller pola que apostan nesta lista feminina.  Lucía Montoto é actualmente presidenta da asociación de veciños de Campañó. 

Desde o partido definen estas tres mulleres como "loitadoras, emprendedoras, rebeldes, convencidas, con sentido común e ganas de traballar"

María Rey manifestou este xoves o seu "compromiso coa igualdade e o feminismo", pero quixo matizar que este compromiso "non ten nada que ver con que a lista estea encabezada por tres mulleres". Así, explica que a elección de tres mulleres como cabezas de cartel é unha decisión adoptada polos integrantes do partido "por diversas razóns, todas elas políticas"

A alcaldable de Espazo Común insiste en que "por suposto" que cre "firmemente" en que a loita feminista ten que manifestarse cada día, pero insiste en que ten que ser un feminismo baseado na igualdade de dereitos, pero "non na discriminación positiva en favor  da muller"

Na súa opinión, "a igualdade ben entendida nunha lista electoral baséase na meritocracia, baséase na valía das persoas, pero non nunha cuestión de xénero".

"Non é poñer a unha muller polo feito de selo nunha lista electoral de número dous para cumprir coa lei", explica. E engade que "cando apliquemos ese razoamento deixaremos ao carón a desigualdade".