Tras a decisión de non inmunizar coa vacina de AstraZeneca aos menores de 60 anos, tras o ditame da Axencia Europea do Medicamento sobre varios casos raros de trombos, España cambiou o seu plan de vacinación.
O soro anglosueco, que cambiou o seu nome comercial a Vaxzevria, será inxectado a partir de agora tanto ás persoas de entre 60 e 65 anos, que no caso de Galicia empezaron a recibila este martes, e ás que teñan entre 66 e 69 anos.
Así o decidiu a Comisión de Saúde Pública co obxectivo de completar canto antes a vacinación da poboación máis vulnerable á covid-19.
A poboación entre 66 e 69 anos, en todo caso, poderán recibir tamén calquera dos outros soros agora dispoñibles (Pfizer e Moderna) e tamén o de Janssen, cuxa primeira entrega espérase para mediados deste mes, se hai dispoñibilidade.
A vacina de AstraZeneca empezou a administrarse en febreiro a unha parte de persoal esencial -docentes, policías, gardas civís ou bombeiros, entre outros-, nun principio persoas menores de 55 anos e despois de 65 anos, o límite fixado ata este xoves.
O que non se acordou aínda é que pasará coas persoas menores de 60 anos que xa recibiron a primeira dose da vacina desta farmacéutica. A ministra de Sanidade, Carolina Darias, pediu "tranquilidade" aos afectados.
Ata principios de maio, segundo a ministra, "non se producirá o intervalo entre a primeira e a segunda", ao cumprirse as doce semanas que marca o protocolo entre inxeccións, polo que asegurou que "estamos a traballar e valorando varias posibilidades".
A pesar destes cambios, o Goberno mantén o seu obxectivo de ter vacinados a 33 millóns de españois, o 70% da poboación, para finais de agosto.