Esixen unha "actuación inmediata" no pozo de Pedra Agulla para garantir a auga en Chancelas

Poio
15 de xaneiro 2022
Actualizado: 19:55

Pero desde o Concello instan ao PP a que "deixe de provocar confusión e a xerar alarmismos innecesarios" aos veciños, xa que aseguran que ese pozo leva xa moitos anos en desuso, xa que a auga a Chancelas chega por outras vías.

Pozo Pedra Agulla en Chancelas Partido Popular de Poio

O Partido Popular de Poio por mediación do seu portavoz, Ángel Moldes, solicitou este sábado unha "actuación inmediata" no pozo de Pedra Agulla, en Combarro. Trátase, segundo os populares, do foco de abastecemento de auga corrente da maioría das vivendas de Chancelas, polo que esixiu ao goberno de Luciano Sobral que garanta a "seguridade da auga que consumen os veciños deste núcleo".

Pero desde o Concello instan ao PP a que "deixe de provocar confusión e a xerar alarmismos innecesarios" aos veciños, xa que aseguran que ese pozo leva xa moitos anos en desuso, xa que a auga a Chancelas chega por outras vías.

Moldes visitou o pozo despois dun aviso que fixo a veciñanza explicando que "son mananciales que no seu día eran veciñais, pero dende que o Concello asumiu a súa xestión están nunha situación de abandono e deterioro". Unha situación "difícil de entender", segundo o voceiro popular, ao tratarse de "servizos básicos pero tamén de dereitos básicos, como garantir unha seguridade e un subministro de auga apta para o consumo".

O portavoz esixiu que o tripartito limpe o pozo e faga as reparacións necesarias ao encontrarse "moi deteriorado, coa porta e as paredes rotas, raíces, vexetación, lodo... e o máis importante, un grave perigo de contaminación da auga que chega aos usuarios".

Moldes advirte que se trata dunha "responsabilidade do Concello" ao estar falando "da auga que beben os nosos veciños".

A eles trasladoulles que "non pararemos ata conseguir uns servizos básicos e de calidade para toda a veciñanza fronte a un goberno que despois de 26 anos ten a miles de veciños sen auga nin saneamento e a tantos outros non é capaz de darllos nunhas condicións dignas".

Chelo Besada, pola súa banda, acusou ao PP de "mentir descaradamente" ao respecto, "algo ao que o señor Moldes nunca renuncia para buscar crispacións absurdas". É o depósito de Pomar, ademais da rede que provén de Pontevedra, o que abastece ás persoas residentes nesta zona.

Actualmente, garante a tenente de alcalde, os depósitos e mananciais activos en Poio son, ademais de Pomar, os de Albar, Boavista, Sartal, Vilariño, Samieira e A Serpe.

"É lamentable comprobar como o señor Moldes, despois de dez anos sendo o voceiro da oposición, sigue negándose a abandonar esa política de mentiras que xa lle levou a perder calquera tipo de protagonismo no PP provincial. Invitámoslle a que deixe de facer o ridículo e aposte dunha vez por facer oposición sería", apuntou Besada.