Esixen desde o PP que o goberno de Poio anule as contas de Abanca se pecha a oficina de Campelo

Poio
12 de agosto 2021

Desde a agrupación popular tamén se ofrecen a acompañar aos representantes do goberno local nas negociacións coa dirección de Abanca. Reclaman que se manteña esa oficina e tamén a instalación dun caixeiro en Raxó nun local municipal

Oficina de Abanca en Campelo Google

Ángel Moldes, portavoz do Partido Popular en Poio, trasladou durante a Xunta de Portavoces do Concello de Poio a preocupación e indignación da militancia do PP local e da veciñanza pola decisión de Abanca de pechar a partir de setembro a oficina de Campelo.

Os populares manifestaron o seu rexeitamento a esta decisión da entidade bancaria e anuncian que apoiarán calquera medida necesaria para impedila.  Moldes ofreceuse a acompañar os representantes do goberno local de Poio nas negociacións para evitar o peche desta oficina. 

No caso de que Abanca decida manter a súa postura,  Moldes entende que o Concello debe anular todas as contas municipais abertas con esta entidade bancaria para trasladalas a outro banco. "Isto é unha traizón a Campelo e se Abanca non conta con estes veciños, o Concello tampouco pode contar con Abanca", afirmou.

A esta petición, tamén queren trasladar unha demanda da veciñanza de Raxó consistente na apertura dun caixeiro ao dispor dos usuarios nun espazo que, entenden, debe ofrecer o Concello. Segundo os populares, o Centro Cultural Xaime Illa podería converterse nese espazo.