Esforzo para controlar a maleza en camiños e estradas de Soutomaior

Soutomaior
23 de abril 2024

O Concello indica que nas vindeiras semanas van sumarse nove operarios máis aos traballos de limpeza. Durante a xornada deste martes, a intervención realizábase no barrio de Comboa e en Sameán, A Devesa e Alxán

Un operario realiza labores de limpeza en Soutomaior Concello de Soutomaior

Este martes, operarios do Concello de Soutomaior realizaban labores de limpeza na contorna do barrio de Comboa, en Sameán, na Devesa e en Alxán. Ao longo destes días tamén realizaron traballos en Romariz, O Val, Lourido, Arcade de Riba, en parques infantís e nas zonas de baño de Veiguiña Longa e na Xunqueira de Arcade.

O goberno local indica que durante estes días intensificaranse estas accións de limpeza a través de contratación de persoal para efectuar os traballos. Espérase que nas próximas semanas se incorporen nove persoas ao operativo, ademais do camión de roza.

Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, sinala que están a facer un esforzo para contar con máis persoas que nunca na limpeza, roza e coidado do Concello. "É unha aposta que traerá unha mellora importante. Axudará a mellorar no control da maleza que con este tempo e a velocidade de crecemento sabemos que non é unha tarefa doada".

Tamén solicitaron á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra que se encarguen da limpeza e do acondicionamento dos espazos que dependen de ambas as administracións.

Máis de 20 persoas realizarán estes traballos de limpeza en espazos municipais entre os meses de maio e outubro. Manu Lourenzo pide á veciñanza colaboración e avanza que o operativo chegará a todos os barrios e terá máis presenza que nunca.