Escultura para homenaxear a figura da mestra Daría González

Pontevedra
22 de xuño 2021

A obra preside desde este martes a fachada do Colexio de Educación Infantil e Primaria, anteriormente coñecido como Príncipe Felipe, que dende 2020 leva o nome desta mestra e política pontevedresa por iniciativa do seu Claustro. A presidenta da Deputación Carmela Silva asistía ao evento acompañada por Francisco "Tuco" Cerviño, fillo da homenaxeada

Persoas asistentes á inauguración da escultura na memoria de Daría González

'Daría González. Mestra', así reza a inscrición que figura na escultura de granito descuberta este martes ante a fachada do Colexio de Educación Infantil e Primaria que leva desde hai un ano o nome da política e mestra pontevedresa por iniciativa do Claustro, un centro que antes se denominaba Príncipe Felipe.

Carmela Silva, presidenta da Deputación, asistía ao acto acompañada de familiares da mestra homenaxeada encabezados polo seu fillo Francisco "Tuco" Cerviño e tamén por integrantes da familia de Alexandre Bóveda, como a súa filla Amalia e o seu neto Valentín.

Ademais, a este acto acudiron o delegado territorial de Educación, César Pérez Ares; a deputada Noemí Outeda; o director do Centro Príncipe Felipe, Manuel Cendón; e a directora do colexio, Elvira García.

A presidenta provincial lembrou que Daría González foi unha mestra en todos os sentidos da palabra ao utilizar métodos pedagóxicos pioneiros, ademais do seu compromiso político por unha sociedade en Xustiza e en Igualdade.

Francisco "Tuco" Cerviño, que foi deputado no Parlamento de Galicia, deu as grazas "máis efusivas" ao Claustro e á Deputación por poñer en valor a memoria da súa nai co acto de homenaxe que se celebrou en xuño de 2020 e agora coa instalación da escultura no seu recordo. Daría González foi unha das primeiras mulleres en cursar estudos universitarios e, segundo manifestou o seu fillo, "nunca entendeu o papel subordinado das mulleres". Ingresou no Partido Galeguista en 1931 sendo unha das dúas mulleres que integraban a formación política. Tivo que quedar no "exilio interior durante a Ditadura" para reaparecer nas primeiras eleccións como concelleira de Pontevedra. Cerviño lembrou as visitas que realizaba ao cemiterio de San Mauro para visitar a tumba de Bóveda.

A escultura foi elaborada polos mestres da Escola de Cantería da Deputación, Adrián Otero Chantada e Paulo González Díaz. A obra está formada por dous bloques de granito cunha gran peza en forma de libro e unha portada na que figura a imaxe de Daría González. A estrutura pesa 2,15 toneladas e atópase no espazo axardinado da fachada do colexio que leva o nome de Daría González, promotora da Fundación Alexandre Bóveda e integrante da xunta reitora da Fundación Castelao, ademais de ser profesora no Colexio da Inmaculada e nos institutos de Marín e Pontevedra.