Escotet será 'persoa non grata' en Campo Lameiro se pecha a oficina de Abanca no municipio

Umia
17 de agosto 2021

Os 9 concelleiros dos grupos políticos PPdeG, Porvir e PSdeG-PSOE en Campo Lameiro acordaron por unanimidade convocar unha concentración de repulsa contra o anunciado peche da oficina de Abanca no municipio. Será o vindeiro venres 27 de agosto ás 20:30 horas

Pleno municipal de A Lama Concello de A Lama

Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, será nomeado 'persoa non grata' en Campo Lameiro se se confirma o peche definitivo da oficina bancaria da localidade, previsto para o 8 de setembro. Suporía deixar esta localidade sen ningunha oficina bancaria.

Os 9 concelleiros dos grupos políticos PPdeG, Porvir e PSdeG-PSOE en Campo Lameiro acordaron esta medida este martes durante a celebración dun Pleno Extraordinario da Corporación Municipal

A Corporación tamén decidiu por unanimidade convocar unha concentración de repulsa contra o anunciado peche da oficina de Abanca no municipio. Será o vindeiro venres 27 de agosto ás 20:30 horas.

Ademais, os 9 concelleiros aprobaron un decálogo de iniciativas e medidas a levar a cabo, entre elas, a apertura dun expediente para nomear a Juan Carlos Escotet, 'non grato', pero tamén expresar á Dirección de Abanca e á Xunta de Galicia o malestar e rexeitamento total a esta decisión "unilateral e inxustificada tomada de xeito irreflexivo pola Dirección de Abanca".
 
O decálogo tamén manifesta á Dirección de Abanca e á Xunta de Galicia o seu desacordo polas consecuencias económicas e sociais negativas que esta decisión unilateral de Abanca traerá para os clientes e usuarios desta entidade no municipio e responsabiliza á Dirección de Abanca do que consideran un "ataque contra os dereitos dos nosos maiores, vítimas da fenda tecnolóxica e abandonados á súa sorte á hora de poder cobrar as súas pensións ou atender as súas xestións bancarias".
 
Todos os grupos políticos acordaron igualmente instar ao Goberno municipal a retirar de Abanca todos os fondos dos que dispón o Concello de Campo Lameiro e abrir novas contas na entidade que se instale no municipio.