Escolares de Ponte Caldelas crearán un bosque de dúas hectáreas en Forzáns

Ponte Caldelas
17 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Para crear este bosque, plantaranse máis de 1.000 árbores, entre eles 300 castiñeiros, 500 carballos americanos, 200 cerdeiras e outras especies autóctonas doadas polos veciños de Forzáns

Plantación de árbores en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

O alumnado dos colexios de educación infantil e primaria de Ponte Caldelas participarán o próximo xoves 21 de marzo nunha iniciativa ambiental que permitirá crear un bosque de dúas hectáreas no Coto do Carrizo, en Forzáns.

Este proxecto, liderado pola comunidade de montes de Forzáns, faise en colaboración cos axentes ambientais do Distrito XIX e o Concello de Ponte Caldelas.

En concreto, participarán nenos e nenas do CEIP Cordo Boullosa e do CEIP A Reigosa.

Para crear este bosque, plantaranse máis de 1.000 árbores, entre eles 300 castiñeiros, 500 carballos americanos, 200 cerdeiras e outras especies autóctonas doadas polos veciños de Forzáns.

A xornada incluirá animación musical para pechar a actividade cunha boa festa.