Esclarecen un lume forestal provocado por unha cabicha mal apagada no monte na Lama

A Lama
24 de maio 2022

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 27 persoas como presuntas autoras de incendios forestais  

Incendio forestal na Lama (arquivo) Susana Seoane

A Policía Autonómica esclareceu tres incendios no concello da Lama, Covelo e no municipio ourensán de Porqueira.

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da sede en Pontevedra, xunto con axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural e axentes ambientais do Distrito XIX Caldas-O Salnés, esclareceron o incendio ocorrido o pasado 6 de maio na parroquia da Xesta do concello da Lama, que afectou 0,35 hectáreas de monte raso.

Nas pescudas determinouse, tras a inspección ocular,  que na zona se estaban a realizar labores de repoboación e localizouse unha cabicha parcialmente consumida no punto de inicio do lume, e outros restos de cabichas na zona. Polo tanto, concluíuse que o incendio foi provocado por unha mala praxe por arroxar unha cabicha mal apagada no monte.

Na extinción actuaron 2 axentes, 5 brigadas, 2 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros. Dos feitos deuse comunicación ao Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra.

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 27 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.