A subida do prezo do combustible é o detonante da folga do transporte que este martes viviu a súa segunda xornada e que deixou un amplo número de incidencias en todo o país e, en menor medida, tamén na comarca de Pontevedra.
Detrás do paro non está ningún dos grandes sindicatos, aínda que é certo que tanto UXT como CIG comprenden as reivindicacións dos traballadores e comparten en que o prezo do gasoil "é un atraco", a folga está promovida por unha agrupación de autónomos e empresas do sector do transporte.
"É un paro empresarial", puntualiza a responsable da área de transportes en Pontevedra de UCT, Enrique Pazos. Recoñece o portavoz dos traballadores que ao longo desta xornada producíronse algún incidentes "pero moi pouco significativos", dixo sobre a presenza de piquetes informativos en polígonos como o da Reigosa, en Pontevedra. No resto de parques empresariais da provincia a actividade, máis baixa do habitual, desenvolveuse sen incidentes.
Máis notables foron os efectos da folga no Porto de Marín. "Notouse menos movemento de camións e algunhas operativas de carga e descarga víronse retardadas", recoñecen desde a Autoridade Portuaria. En cambio, noutro polo industrial da contorna como é o de Ence a actividade desenvolveuse sen ningún sobresalto, explican desde UXT.
Desde a CIG alertan tamén de que o paro, aínda que non está a provocar aínda desabastecemento nas grandes superficies de alimentación porque os almacéns teñen aínda reservas, está a afectar á subministración de materias primas nos seus almacéns e que se a folga continúa, algo que o portavoz da central Xabier Aboi dá por feito, " agora teñen que seguir", apunta; nas próximas datas os consumidores empezarán a notar as consecuencias.
"A CIG comparte as reivindicacións do sector, pero os empresarios cometeron moitos erros", puntualiza Aboi sobre as causas que levaron a esta situación, na que a subida do prezo do combustible non é a única razón e lembra que houbo autónomos que aceptaron a redución de prezos imposta polas grandes distribuidoras alimentarias.
Doutra banda, como consecuencia do clima de falta de seguridade que se vive no resto do país pola folga, desde a Asociación de Comercializadores de Peixe de Vigo ( ACOPEVI) e a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo ( ARVI) piden ao Ministerio de Interior o establecemento dun corredor seguro para o transporte de produtos pesqueiros perecedoiros desde os puntos de descarga ata os lugares de comercialización.
Do mesmo xeito, convidan a todas as partes implicadas no conflito á apertura dunha mesa de negociación que permita desbloquear unha situación que non só afecta o sector do transporte, tamén á industria pesqueira.