Escapan da Garda Civil con 25 quilos de ameixa ilegal e na fuga impactan co coche patrulla

Poio
30 de abril 2018

Todo ocorreu sobre as 23.50 horas do pasado sábado. Unha patrulla deu o alto a un vehículo sospeitoso, pero deuse á fuga ata que lle rebentaron dúas rodas e tiveron que pararse. Identificáronlles polos delitos de atentado á autoridade e contra a seguridade viaria e por unha infracción de furtivismo 

Ameixas da ría Juan Mejuto

Tres veciños da zona de Poio protagonizaron na noite do pasado sábado 28 de abril unha rechamante fuga da Garda Civil cando ían nun vehículo no que levaban 25 quilos de ameixa froito de furtivismo. Os tres acabaron investigados como presuntos autores de varios delitos e infraccións administrativas: atentado á autoridade, delito contra a seguridade viaria e furtivismo. 

Todo ocorreu sobre as 23.50 horas. Unha patrulla do servizo fiscal e de fronteiras da Garda Civil de Marín que se atopaba na zona de Lourido, en Poio, observou un vehículo que lle pareceu sospeitoso e os axentes déronlle o alto, pero o coche escapouse.

Empezou nese momento unha fuga na que a Garda Civil deulle sinais acústicos e luminosos para pedirlle que se detivesen, pero eles desatendéronas. Durante a persecución, nun momento dado, o vehículo que estaba á fuga realizou un movemento brusco e impactou contra o coche oficial, botándoo da calzada.

A pesar do impacto, non se detivo a persecución, que terminou porque finalmente ao vehículo rebentáronlle dous pneumáticos e viuse obrigado a deterse. Nese momento, segundo o relato realizado pola Garda Civil, tres persoas saíron do coche e seguiron a fuga a pé. 

Os axentes lograron alcanzar a dous dos individuos, pero o condutor logrou escapar correndo. Está identificado, pero de momento non lograron identificalo. En todo caso, está investigado como os outros dous individuos aos que si deron o alto.

Os axentes realizaron un rexistro no vehículo co que se fuxiron e atoparon 25 quilos de ameixa extraída ilegalmente, de modo que se lle atribúe unha infracción por furtivismo. Fontes consultadas apuntan que os tres individuos poderían realizar este tipo de actividades ilegais para sufragar o consumo habitual de drogas

Ademais, aos tres atribúeselles un delito de atentado a axente da autoridade e outro contra a seguridade viaria por condución temeraria.