Entrégase á Policía un veciño de Marín investigado por propinar unha malleira á súa parella

Marín
12 de setembro 2024

Este home presentouse voluntariamente nas dependencias da Policía Local acompañado do seu avogado. Tamén esta mesma mañá a súa compañeira sentimental ha formalizado a denuncia pedindo que se lle impoña á súa parella unha orde de afastamento

 

Policía Local de Marín Mónica Patxot

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou que este xoves foi detido un veciño de Marín investigado por propinar unha malleira á súa parella.

Este home presentouse voluntariamente nas dependencias da Policía Local acompañado do seu avogado. Tamén esta mesma mañá a súa compañeira sentimental formalizou a denuncia pedindo que se lle impoña á súa parella unha orde de afastamento.

Os feitos denunciados tiveron lugar na madrugada do mércores nun piso da rúa Ezequiel Massoni. Ante os golpes e as fortes voces que se escoitaban procedentes do interior dun domicilio os veciños alertaron á Policía Local. 

Antes de que chegasen os axentes municipais e varias unidades da Policía Nacional que acudiron como reforzo, os familiares da muller entraron na vivenda e rescatárona. 

Cando chegaron os policías, "a muller xa estaba fóra do domicilio, xa estaba na rúa acompañada da súa familia e por tanto, o que se fai, segundo o protocolo é trasladala ao hospital", explicou o subdelegado do Goberno. 

A vítima tivo que atendida no Servizo de Urxencias despois de recibir varios golpes, segundo ela mesma relatou, a mans da súa parella.

Mentres, o presunto agresor estaba encerrado dentro do seu piso e negouse a abrir a porta aos axentes. "O domicilio, como todos sabemos, ou deberiamos saber, é inviolable. Fai falta unha orde xudicial para poder entrar", apuntou Losada. Entón os policías marcháronse do lugar "entendo que para conseguir a orde xudicial que permitiría entrar no domicilio ou deter ao agresor".

Xa sen a presenza policial o presunto agresor colleu a súa moto no garaxe e marchouse do lugar.

Abel Losada defendeu a "irreprochable" actuación policial neste caso "caracterizado pola total profesionalidade e polo absoluto respecto ás leis e aos protocolos de actuación", negando o subdelegado que o sospeitoso "se escapase diante das narices da Policía".