Entrega de máis de 500 sinaturas en contra da subestación de Bértola

Pontevedra
26 de setembro 2013

Os veciños insisten en que continuarán impidindo a instalación da subestación eléctrica no espazo escollido pola Xunta e descoñecen os motivos polo que dende a Administración non quere trasladar o proxecto cara a Comunidade de Montes ofreceu un terreo cunha situación menos prexudicial para os veciños e o crecemento da zona

Os veciños de Bértola entregaron esta mañá na Xunta de Galicia máis de 500 firmas. Encabezados polo voceiro Emilio Juncal e pola deputada provincial e voceiro do grupo municipal do BNG en Vilaboa, Ornela Fernández, os veciños intentan con esta entrega mostrar a oposición maioritaria á instalación da subestación eléctrica que promove Rede Eléctrica Española coa autorización da Xunta.

Emilio Juncal explica a gravidade da situación: "Afectaría na saúde, nas edificacións, solares nos... en todo. O pueblo quedaría sen futuro de medrar por ningún lado". Nas últimas horas acudiron ao Parlamento para escoitar o Conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas e Juncal mostra a súa decepción: "Non se mollou nada nin a favor nin en contra. Dixo o que esperabamos: que iso estaba aprobado pola Xunta, que cumpría. Pero non fala nada das liñas, van pasar polas nosas vivendas. Van saír para Sanxenxo, Barro, Cangas... saen liñas subterráneas para o AVE ".

Ante esta situación, os veciños non entenden por que dende a Administración e Rede Eléctrica Española non se deciden a aceptar o terreo ofrecido pola Comunidade de Montes nunha zona máis elevada á que, actualmente, contemplan para a construción. Ornela Fernández indica que mesmo se invitou a "montar algo temporalmente abaixo mentres non se construise a subestación eléctrica nos terreos ofrecidos". A voceira nacionalista afirmou que van seguir coa vía xudicial neste conflito: "O contencioso está presentado ao Conselo dá Xunta estamos non proceso de presentar documentación precisa".

A partir de agora os veciños recollerán sinaturas para presentalas ante o Valedor do Pobo e manteranse alerta para evitar que as obras da subestación se retomen. "O pobo de Bértola é así e xa o demostramos noutras ocasións", afirma Emilio Juncal.