Entrega de carbón da Plataforma de Seixo á xerencia da área sanitaria

Pontevedra
05 de xaneiro 2023

Tras ano e medio de protestas, a Plataforma concentrábase este xoves simbolicamente ás portas do Hospital Provincial. Representantes deste colectivo presentaron un escrito para demandar un segundo profesional médico na parroquia marinense de Seixo de forma permanente e a tempo completo

Iria Aboi e representantes da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo co carbón para a xerencia da área sanitaria Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo

Representantes da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, integrada por 21 colectivos marinenses de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, concentrábanse este xoves 5 diante do Hospital Provincial de Pontevedra.

Alí reclamaron un segundo profesional médico para o centro de saúde desta parroquia de Marín. Iria Aboi, portavoz da plataforma, afirma que precisan este persoal de forma permanente e a tempo completo, co obxectivo de que se cubra a vacante xerada pola xubilación do doutor Manuel Martín en agosto de 2021.

O acto simbólico consistiu en trasladar carbón para a xerencia porque "non queremos que esta situación se prolongue máis no tempo" indicando que esta situación afecta principalmente ás persoas con enfermidades crónicas e ás persoas de idade avanzada.

Sinalan que desde hai un ano e medio carecen dun médico asignado. Denuncian que desde a xerencia permitiu que o outro facultativo do centro de saúde atenda unha cota de dez pacientes a diario, pero temen que, en 2026, cando este médico alcance os 70 anos, a mesma idade á que se xubilou Manuel Martín, queden sen médico e, desde o SERGAS, decidan pechar o centro de saúde de Seixo.

Culpan a José Flores, xerente da área sanitaria, de que non se cubra a vacante e negue o dereito a unha atención médica digna.

Desde este colectivo tamén responsabilizan á alcaldesa de Marín, María Ramallo, da situación "por non apoiar as reivindicacións da veciñanza nin facer presión contra os recortes #ante o seu partido na Xunta de Galicia", indica Aboi.

A plataforma tamén presentou unha solicitude por rexistro no Concello de Marín para que se lles informe por escrito sobre as reunións oficiais que Ramallo mantivo para tratar a situación do centro de saúde de Seixo.

Afirman que, se non se resolve a situación actual de falta dun segundo médico, organizarán novas protestas