Entramos no Pazo de Lourizán para descubrir os tesouros que esconde tras décadas pechado ao público

Pontevedra
31 de xullo 2023

PontevedraViva ofrece unha completa galería de fotos que permite observar o estado da propiedade, con problemas de conservación como humidades e desfeitas e tamén actos vandálicos dos últimos anos que danaron as súas paredes coa pintura de símbolos nazis e debuxos
 div>
Estado interior do Pazo de Lourizán a 31 de xullo de 2023 Cristina Saiz

Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia, vaticinou este luns que o proxecto de rehabilitación do Pazo de Lourizán será "un punto de inflexión para a cidade de Pontevedra e a súa contorna", ao converterse nun novo punto de interese turístico coa rehabilitación do Pazo e a posta en valor e explotación dos seus xardíns. 

A rehabilitación ten como fin último que "os cidadáns poidan descubrir este tesouro". Entender o impacto exacto deste anuncio pode resultar complicado ao tratarse dunha edificación cuxo interior leva décadas pechada ao público e que a maior parte da cidadanía nunca puido visitar por dentro. 

Para poder facerse unha idea, este luns, con motivo da presentación oficial dos novos usos da Finca de Lourizán, autoridades e medios de comunicación puideron acceder ao interior.

PontevedraViva ofrece unha completa galería de fotos que permite observar o estado de conservación da propiedade ao 31 de xullo de 2023. Compróbanse problemas de conservación como humidades e desfeitas e tamén o paso polo edificio de actos vandálicos dos últimos anos que danaron as súas paredes coa pintura de símbolos nazis e debuxos. 

Este Pazo exemplifica os diferentes períodos históricos e a súa capacidade de adaptación a diferentes usos, desde a granxa orixinal cara a unha quinta de recreo e despois unha residencia ostentosa con funcións representativas, en alusión á etapa na que estivo en mans de Eugenio Montero Ríos, relevante personaxe da política nacional entre finais do século XIX e primeiros anos do século XX.

A súa configuración actual responde a esa etapa en mans de Montero Ríos, que o puxo no mapa e encargou a súa reforma e ampliación ao mestre de obras Jenaro de la Fuente Domínguez entre 1909 a 1912. 

 Desde 1943 estivo en mans da Deputación Provincial, que adquiriu a leira para instalar o Centro Rexional de Ensinos, Investigacións e Experiencias Forestais. En 1991 a Deputación cedeu á Xunta de Galicia os dereitos de xestión por un prazo de trinta anos e no que continúa a actividade do Centro de Investigación Forestal (CIF).

Na actualidade a entrada ao edificio do pazo non está permitida a visitantes, unicamente poden acceder a el persoas autorizadas. Só é visitable polo exterior.