Entra en funcionamento un aparcamento disuasorio con 77 prazas xunto á Autovía do Salnés, en Ribadumia

O Salnés
22 de xuño 2024

O obxectivo desta infraestrutura, no que a Xunta investiu 540.000 euros, é poder deixar o automóbil nun espazo seguro para despois compartir coche para desprazarse ao traballo, ao lugar de estudos ou no verán á praia

Posta en servizo dun novo aparcamento disuasorio con 77 prazas xunto á Autovía do Salnés Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia puxo en servizo un novo aparcamento disuasorio en Ribadumia, xunto á Autovía do Salnés e a estrada VG-4.

Trátase dunha infraestrutura que ten como obxectivo facilitar o desprazamento en coche compartido ao traballo, lugar de estudos ou neste caso incluso á praia durante o verán deixando o automóbil nun espazo seguro.

Este aparcamento, con 77 prazas, está situado na estrada provincial EP-9405, preto do núcleo de Barrantes. Todas as prazas colocáronse en batería, con dúas delas reservadas para persoas con mobilidade reducida e unha superficie total de 2.800 metros cadrados.

O espazo conta ademais cunha franxa verde de 1,30 metros de ancho con arboledo e iluminación no perímetro exterior e na illa central, así como tres puntos de recarga para vehículos eléctricos.

Na súa contrución a Xunta de Galicia investiu 540.000 euros, tal e como lembraron este sábado nunha visita ao lugar o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e a conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue.

"Con actuacións coma esta, apostamos polo tanto, por infraestruturas de calidade como opcións de desprazamento máis económicas, verdes e saudables", defendeu de feito a titular de Infraestruturas.