Ensanchan o acceso ao núcleo de Limeres para permitir o tráfico simultáneo

Cerdedo-Cotobade
28 de xaneiro 2019

Esta actuación do concello, orzamentada en 63.000 euros, beneficia a un treito de 210 metros de lonxitude no que se está a duplicar a anchura

Visita ao ensanchamento de Limeres Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade está a acometer a obra de ensanchamento no acceso ao núcleo de Limeres, na parroquia de Cerdedo, xa que os traballos en marcha están practicamente a duplicar a anchura existente nesta estreita pista para garantir o tráfico simultáneo e evitar os problemas de colapso na circulación cando se atopan dous vehículos.

Esta obra, que conta cun orzamento de 63.000 euros, foi visitada este luns polo presidente municipal, Jorge Cubela, que acudiu xunto a técnicos do Concello para supervisar os traballos e perfilar os moitos detalles e axustes, habituais en calquera obra e que se multiplican nesta pola proximidade de vivendas e muros en torno á pista, polo desnivel existente e polas pequenas dimensións do vial.

Este ensanchamento, que afecta a un treito de 210 metros de lonxitude, comezou coa construción de potentes muros de contención en pedra para garantir a seguridade da obra e do posterior tráfico de vehículos e peonil, o recheo para proceder á ampliación do vial, a dotación de canalizacións de auga para evitar as escorrentías, o retranqueo de muros e peches e concluirá coa renovación de toda a capa de rodadura.

Esta obra, que se enmarca nun lote de actuacións que tamén beneficiou ás parroquias de Quireza, Tomonde e Folgoso, vai completar a mellora da rede de infraestruturas na zona de Limeres, xa que hai algunhas semanas remataron as obras de modernización do seu acceso principal procedente dende Cerdedo, que se dotou de amplas cunetas e dun novo firme cunha partida de 50.000 euros procedente do Plan Marco da Xunta.

Cubela explicou que este novo investimento en Limeres, xunto á recente mellora da súa arteria principal, "son de gran importancia tanto para mellorar a conectividade da zona sur do territorio de Cerdedo coa súa localidade de referencia como para garantir un tráfico fluido no seu estreito viario interno, mellorando deste xeito as condicións de mobilidade dos veciños".