Endurecen as restricións en eventos do Nadal: prohibidos os cócteles de pé e aperitivos

Pontevedra
17 de decembro 2021

A Xunta de Galicia publicou as novas normas no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste venres, no que se especifica que as medidas empezarán a aplicarse este sábado 18 de decembro e estarán activas ata o 18 de xaneiro. Os cócteles e as recepcións de pé que estaban xa programados para esta fin de semana mantéñense

Punto de realización de PCR no Hospital Provincial Mónica Patxot

O aumento da  incidencia da covid-19 levou á Xunta de Galicia a incluír novas medidas e restricións para evitar a expansión da pandemia durante as festas de Nadal. Unha das máis novas afecta os cócteles e aperitivos de pé, tan habituais nesta época do ano, que quedan prohibidos.

A Xunta de Galicia publicou as novas normas no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste venres, no que se especifica que as novas medidas empezarán a aplicarse este sábado 18 de decembro e estarán activas ata o 18 de xaneiro. 

Os cócteles e as recepcións de pé que estaban xa programados para esta fin de semana mantéñense, pero durante o próximo mes non poderá haber ningún.

O DOG tamén prorroga o pasaporte  covid da hostalería, isto é, a obrigación de presentar o certificado para acudir a restaurantes, a bares a partir das 21 horas, aos albergues de peregrinos, a discotecas e para as visitas a hospitais, medidas que xa estaban en marcha e mantéñense. Ademais, continúa en marcha a limitación de mesas de oito comensais en interior e 15 en terraza.

Ademais, quedará instaurado o pasaporte covid en ximnasios e en piscinas, para os visitantes e acompañantes a centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade; para visitantes e acompañantes de pacientes en hospitais de día para tratamento oncolóxico e de diálise e hoteis de pacientes; e para acceso a eventos multitudinarios ou aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos e bebida para o seu consumo durante estes días.