Encontro entre o deputado socialista Guillermo Meijón e representantes empresariais para tratar o futuro de Ence

Pontevedra
28 de febreiro 2021

Esta xuntanza para analizar a situación en que quedará a empresa pasteira en Lourizán se chega a aprobarse a Lei de Cambio Climático coincidía coa polémica difusión do vídeo do presidente do Grupo Ence Ignacio de Colmenares onde culpaba ao Ministerio e ao PSOE de querer pechar a fábrica situada na ría pontevedresa

O deputado socialista Guillermo Meijón mantén un encontro con representantes empresariais de Pontevedra Cristina Saiz

Representantes da Cámara de Comercio, de AEMPE, AJE e da Plataforma Proindustria de Pontevedra mantiñan un encontro este sábado co deputado socialista no Congreso Guillermo Meijón na sede da Cámara situada nas Palmeiras.

Alí, os representantes empresariais trasladaron a Meijón a súa preocupación pola aprobación da Lei de Cambio Climático na que traballa o goberno socialista e cuxo artigo 18.4, segundo a empresa pasteira, conlevaría o peche da fábrica de Ence situada na ría pontevedresa. Entenden que isto suporía a perda de numerosos postos de traballo directos e indirectos na comarca.

Precisamente este encontro producíase cando se difundía parte do vídeo no que Ignacio de Colmenares, presidente e conselleiro delegado do Grupo Ence, manifestaba que tanto o Ministerio de Transición Ecolóxica, que lidera Teresa Ribero, como o Partido Socialista de Galicia queren pechar a factoría de Lourizán.

Meijón explicou aos representantes empresariais que a Lei de Cambio Climático non afectará o futuro de Ence en Pontevedra e referiuse a que ese futuro depende da Audiencia Nacional en relación cos recursos presentados pola concesión de prórroga concedida á empresa pasteira en 2016 polo goberno de Mariano Rajoy. En todo caso, aclarou que o artigo 18.4 da Lei non terá carácter retroactivo e, por tanto, non afectará as empresas que se atopen en zona de Costas actualmente, como é o caso da fábrica pontevedresa.

Pola súa banda, Ence emitiu un segundo comunicado no intento de explicar o vídeo de Ignacio de Colmenarese as palabras nas que alertaba do risco ambiental e para as persoas da fábrica pontevedresa.

"O extracto recollido ilegalmente e publicado non debe ser descontextualizado, senón que debe entenderse como parte dunhas palabras dirixidas internamente ao conxunto do equipo humano da empresa", indica a empresa.

Afirman que minutos antes nese vídeo, o CEO da empresa referiuse á necesidade de seguir mellorando día a día o comportamento ambiental das plantas de Ence, por respecto á contorna e ás comunidades coas que convivimos. E afirman que "en concreto, no caso de Pontevedra, mencionara a necesidade de seguir mellorando o comportamento oloroso da biofábrica. Neste sentido, engadía, os equipos que máis percorrido de mellora teñen son a caldeira de recuperación e caustificacion. Estes equipos son absolutamente seguros e, proba diso, é que a compañía goza do recoñecemento High  Risk Protected pola máis prestixiosa compañía de seguros norteamericana, especialista en celulosa", conclúe a empresa.