Dende principios deste ano e durante 12 meses, un total de 23 mozos recén titulados nas universidades galegas gozan da súa primeira experiencia profesional en Ence como bolseiros do Programa Talento Ence. O director do Centro de Operacións da empresa en Lourizán, Antonio Casal, mantivo un encontro con eles para facer balance dos primeiros meses de desenvolvemento do proxecto e agradecer aos mozos o seu esforzo e compromiso coa empresa.
O Programa Talento Ence posibilitou que 23 mozos se integren no equipo profesional da empresa.
Completan así a súa formación tendo a súa primeira experiencia profesional e achegan á empresa o seu coñecemento e ideas. Os bolseiros foron elixidos tras un esixente programa de selección. Antes de incorporarse a Ence, completaron estudos como Enxeñaría Forestal, Enxeñaría de Montes, Enxeñaría Industrial, Enxeñaría Química, Administración e Dirección de Empresas, Comunicación e Relacións Públicas ou Relacións Laborais.
Na reunión celebrada nas instalacións do Centro de Operacións, Antonio Casal destacou a importancia de "traballar con ilusión e perseveranza" dende o talento que cada un atesoura de cara a obter o éxito profesional, e pediulle a cada un dos mozos que comentara a súa experiencia nos primeiros meses do Programa. Casal destacou que os bolseiros do Programa Talento están a ser importantes para os procesos de mellora da empresa en diferentes áreas.
Xunto ao director do Centro de Operacións participaron tamén os principais directivos de Ence, que actúan como titores dos mozos.
A representante dos bolseiros do Programa, Carolina Domínguez, resaltou o valor da oportunidade que supón esta experiencia, que "constitúe a primeira liña a escribir na páxina ata agora en branco da nosa vida profesional, e que nos corresponde aproveitar". A xerente de Capital Humano de Ence en Pontevedra, Patricia Vázquez, que tamén participou no evento, recordou que "só un 1% do talento é xenético, o resto é necesario perseveralo a través do traballo e do esforzo diarios". Ademais, sinalou as vantaxes da primeira edición dun Programa que promete converterse nun "primeiro impulso profesional para os recén titulados".
O Programa Talento é unha das iniciativas para mozos postas en marcha por Ence. A empresa tamén apoia a formación dos estudantes da comarca coas Becas Ence para Estudos de Máster, que este ano alcanzan a súa cuarta edición.