Ence traballa nun documento para rebater ao 'Libro Branco'

Pontevedra
03 de novembro 2015

Nun comunicado emitido este martes, o Grupo Ence informa que está a traballar nun documento que "achegará información de calidade sobre a súa realidade, difundindo datos verídicos e contrastados por terceiros sobre a actividade do Centro de Operacións de Lourizán"

Juan Luis Arregui e Ignacio de Colmenares, na presentación do informe sobre Ence Mónica Patxot

Nun comunicado emitido este martes, o Grupo Ence informa que está a traballar nun documento que "achegará información de calidade sobre a súa realidade, difundindo datos verídicos e contrastados por terceiros sobre a actividade do Centro de Operacións de Lourizán". Así o decidiu a empresa tras comprobar que o 'Libro Branco' sobre a súa actividade "é un texto no que só abondan as mentiras, as verdades a medias e as inexactitudes", din no seu escrito.

"A manipulación e a utilización política de Ence por parte do colectivo que impulsou o 'Libro Branco' e as organizacións políticas para as que traballa non son novas", continúa o texto difundido pola pasteira.

O comunicado de Ence lembra que "dende hai anos tanto desde APDR como desde algúns outros sectores políticos estimábase o emprego xerado por Ence en 200 persoas. E acusaban e Ence de mentir cando a empresa falaba de máis de 350 traballadores. Agora o 'Libro Branco' achega a cifra de 366 empregados contratados directamente por Ence en Pontevedra, dándolle a razón á empresa. Pero non se refiren aos centos de traballadores da comarca que traballan directamente e de forma estable para contratistas de Ence, por exemplo. Seguen a manexar a información de forma tóxica".

No seu comunicado Ence sinala que "o 'Libro Branco' obvia melloras, falsea datos e confunde outros. E mesmo verte dúbidas sobre a súa achega ao desenvolvemento económico sen achegar información de fonte solvente ningunha".

A empresa asegura que responderá achegando datos, "propios e de terceiros", relacionados tanto con temas ambientais como relativos ao impacto económico real e outras cuestións relativas a Ence.

Na parte medioambiental achegarase información tanto sobre a calidade do aire de Pontevedra como sobre os problemas que padece a Ría e que, de acordo ao ditaminado pola Comisión Europea, están relacionados con coliformes fecais procedentes dos problemas de depuración de augas domésticas. Este problema, que afecta gravemente ó marisqueo, foi ocultado durante anos polos que din defender a Ría. Na parte económica achegarase información sobre o sector forestal galego, ou o papel que nel ten Ence como industria dinamizadora.