ENCE só retomará o seu plan social se o Supremo lles devolve a súa concesión

Pontevedra
19 de outubro 2022

A empresa asegura que mantén o seu "firme compromiso" de activar unha nova convocatoria do seu plan social, pero para iso pon unha única condición. Só o fará "no caso de que se resolva de forma positiva o proceso xudicial no que está inmerso esta instalación, do que depende a continuidade da súa actividade"

Fábrica de Ence en Lourizán Mónica Patxot

Apenas un par de horas tardou Ence en contestar as críticas vertidas polo portavoz do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, que censuraba que a compañía levase desde 2019 sen convocar as axudas do seu plan social para colectivos da comarca.

A través dun comunicado, a empresa asegura que mantén o seu "firme compromiso" de activar unha nova convocatoria do seu plan social, pero para iso pon unha única condición.

Só o fará "no caso de que se resolva de forma positiva o proceso xudicial no que está inmerso esta instalación, do que depende a continuidade da súa actividade", sostén Ence.

A dirección da compañía afirma que a actual situación de incerteza sobre o futuro da fábrica pontevedresa, que deberá resolver o Tribunal Supremo tras analizar os recursos á anulación da súa prórroga, "non permitiu a súa posta en marcha".

O plan social, segundo Ence, é mostra de que a empresa está "plenamente comprometida" con Pontevedra e cidadanía, ao supoñer a maior iniciativa social que impulsa en toda España.

Está dotado con 3 millóns de euros para proxectos de índole social, ambiental, deportiva, de impulso ao emprendemento ou destinados a loitar contra a exclusión social, entre outros.