Ence entrega ás confrarías un barco para rexenerar os bancos marisqueiros

Pontevedra
01 de xuño 2017

Trátase dunha embarcación especial que desempeñará un "papel clave" no proxecto de rexeneración dos bancos marisqueiros nos que traballan as confrarías

César Rodríguez, Mª Carmen Vázquez, Antonio Casal e Iago Tome PontevedraViva

O porto pesqueiro de Campelo acolleu este xoves a presentación do barco "Lonxa de Campelo" cedido pola empresa Ence ás confrarías de Raxó, Pontevedra e Lourizán.

Segundo dixeron os implicados, trátase dunha embarcación especial que desempeñará un "papel clave" no proxecto de rexeneración dos bancos marisqueiros nos que traballan as confrarías.

A adquisición deste barco era un obxectivo das confrarías perseguido desde hai anos. Ante a imposibilidade de compralo con fondos propios, en primeiro lugar acudiran ao Concello de Poio para que o financiase pero os máis de cen mil euros que supoñía este investimento eran demasiado para as arcas municipais, tamén a Xunta rexeitou a solicitude de axudas que cursaron con esta finalidade. Como "úlltimo recurso" decidiron acudir a Ence que asumiu a compra e a adaptación do barco, que será unha "ferramenta de traballo fundamental" para o colectivo de mariscadores das tres entidades.

Á presentación desta mañá asistiron César Rodríguez, Presidente da Lonxa de Campelo e Patrón Maior da Confraría de San Telmo; Mª Carmen Vázquez Lores, Patroa Maior da Confraría de Lourizán; Iago Tome, Patrón Maior da Confraría de Raxó e por parte da empresa pasteira, Antonio Casal, Director de Ence- Pontevedra e Luís Carlos Martínez, Director de Comunicación.

Antonio Casal comentou que para Ence é "fundamental esta colaboración" porque "si trabajamos todos juntos se puden compatibilizar todas las actividades tanto económicas, como de placer y turismo que se pueden desarrollar en la ría".

O director de Ence- Pontevedra tamén sinalou que desde a multinacional pasteira "apostamos por una ría limpia en la que sea posible la convivencia de una diversidad de actividades" xa que entende que "una ría con una rica producción marisquera es algo muy positivo para Ence y que apoyamos decididamente", rematou Antonio Casal.

O acto incluíu unha ruta pola ría para comprobar o funcionamento do barco que podería definirse como un tractor para o mar que axudará nas tarefas para recuperar a produción de moluscos bivalvos de interese comerciais na zona interna da ría de Pontevedra.

O barco procede dunha explotación acuícola de Carril e pasou por unha profunda posta a punto. Mide 11 metros de eslora e está equipado coa instrumentación necesaria para o traballo nos cultivos marisqueiros, cuestións como arar ou recoller algas, entre outros labores.