Ence desmente os veciños: ten todos os permisos necesarios para as obras en Lourizán

Pontevedra
26 de febreiro 2019

A empresa Ence asegura que os traballos foron comunicados oportunamente á Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar e contan con todos os permisos e autorizacións. Están a instalar unha tubaxe enterrada para a conexión directa de augas pluviais co emisario submarino da fábrica 

Obras no recinto da empresa ENCE
Obras no recinto da empresa ENCE / Plataforma veciñal de Lourizán

A empresa Ence desmentiu este martes as acusacións da plataforma veciñal de Lourizán, que denunciou nas últimas horas que estaban a realizar obras "ilegais". En resposta ás críticas, desde a factoría indicaron que os traballos foron comunicados oportunamente á Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar e contan con todos os permisos e autorizacións necesarias.

Segundo explicou a empresa, está a levar a cabo a instalación dunha tubaxe enterrada para a conexión directa de augas pluviais co emisario submarino da súa fábrica de Lourizán.

Ademais, explicou que as obras se están a acometer porque se trata dunha esixencia para o cumprimento das obrigacións requiridas pola concesión e o pleno cumprimento da Autorización Ambiental Integrada da fábrica de Lourizán.

En relación ás terras que se están movendo para acometer as devanditas obras, Ence destacou a través dun comunicado que están a ser sometidas a estritos controis analíticos por unha empresa especializada certificada, tal e como é legalmente preceptivo.

A plataforma veciñal denunciou este luns que Ence xa iniciara estas obras meses atrás de maneira discreta, pero paralizounas a raíz do incendio do pasado mes de decembro, ante o balbordo creado e as acusacións do Concello de Pontevedra sobre que a empresa estaba a realizar obras sen a pertinente licenza municipal. Agora, aseguran que son ilegais "porque seguen sen contar con licenza municipal".