A plataforma de Lourizán acusa a Ence de levar a cabo obras ilegais
Por Oskar Viéitez
A plataforma veciñal de Lourizán acusa á empresa Ence de levar a cabo obras "ilegais". Segundo sinalan nun comunicado, estas obras consisten na "instalación dunha canalización relacionada coas súas augas residuais".
"Ence xa iniciara estas obras meses atrás de maneira discreta, pero a raíz do incendio do pasado mes de decembro, paralizounas ante o revuelo creado e as acusacións do Concello de Pontevedra sobre que a empresa estaba a realizar obras sen a pertinente licenza municipal", engade o escrito difundido por este colectivo.
Argumentan que estas obras son ilegais "porque seguen sen contar con licenza municipal" y din que tamén debería ter autorización por parte da Xunta de Galicia e tamén de Costas, porque a concesión é de dominio público marítimo terrestre.
"Pola contra, aquí a maneira de actuar é que a empresa considera que dentro do seu recinto pode facer o que lle veña en gana, coa connivencia e a complicidade do goberno autonómico", reza o escrito da plataforma de Lourizán.
"A Xunta de Galicia antepón unha vez máis os intereses privados ao interés público", din. "Hai que recordar que Ence para realizar estas obras está a remover terras contaminadas, sen ningún tipo de estudo de impacto ambiental nin ningún control por parte da Xunta".
A plataforma veciñal diríxese ás administracións implicadas para que fagan cumplir a legalidade vixente.
Relacionadas:
-
Ence desmente os veciños: ten todos os permisos necesarios para as obras en Lourizán
Por Redacción |
-
O Concello ordena a ENCE a "suspensión inmediata" das obras na fábrica
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello paralizará as obras de ENCE nas que se produciu o incendio por carecer de licenza
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra advirte que as obras fóra da actual EDAR son "incompatibles" co plan urbanístico
Por Alejandro Espiño |