ENCE, de novo protagonista no Parlamento da man de preguntas do PSdeG e o BNG

Pontevedra
17 de marzo 2016

A socialista Patricia Vilán esixiulle á Xunta que dea conta dos estudos de valoración sobre o traslado da factoría fora da ría de Pontevedra que sinalou o presidente da Xunta de Galicia para defender a prórroga por outros 60 anos concedida á empresa polo Goberno estatal. Os nacionalistas centráronse no tráfico portuario da empresa a través de Ribadeo

Factoría de Ence en Lourizán Mónica Patxot

A empresa Ence foi unha das protagonistas da Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos celebrada na tarde deste xoves no Parlamento de Galicia. Levárona ao debate, entre outras cuestións, as preguntas formuladas polos grupos parlamentares do PSdeG-PSOE e o BNG. A voceira de Medio Ambiente do grupo socialista, a pontevedresa Patricia Vilán, esixiulle á Xunta que dea conta dos estudos de valoración sobre o traslado da factoría fora da ría de Pontevedra que sinalou o presidente da Xunta de Galicia para defender a prórroga por outros 60 anos concedida á empresa polo Goberno estatal. O BNG centrouse no tráfico portuario de Ence a través de Ribadeo. 

Patricia Vilán lembrou que Feijóo, tras asegurar que lle "estorbaba" a pasteira, tamén aseguraba ter "estudos de valoración" sobre o seu traslado, así como investimentos comprometidos na comarca de Pontevedra. A deputada quere coñecer cales son en concreto eses supostos investimentos comprometidos.

A deputada socialista apuntou no Parlamento que a situación da factoría "non é a adecuada" e provoca un forte rexeito entre a poboación afectada pola contaminación que produce. Así o puxeron de manifesto en torno a 20.000 persoas que se uniron nunha das manifestacións máis importantes vividas pola cidade logo de coñecer a prórroga outorgada por Rajoy, que provocou o seu nomeamento como persoa 'non grata' no Concello

Este rexeitamento levou a aprobar por unanimidade unha proposta parlamentaria na pasada lexislatura dirixida a buscarlle acomodo fora da ría, un mandato que foi burlado polo Executivo de Feijóo, en contra mesmo do seu voto particular naquela sesión.

O BNG preguntou sobre os convenios asinados pola Xunta con Ence dende o ano 2009, as taxas a aboar polo uso do peirao de Ribadeo, a aplicación á empresa do canon da auga e o coeficiente de vertedura nos anos 2013-14 e 2015. A encargada de formular a pregunta foi a deputada Montse Prado, que afirmou que Ence tería que pagar "cinco millóns de euros ao ano polo consumo de auga" aos que sumou "outros cinco millóns polas verteduras", sen embargo, recalcou, paga unha "cantidade ridícula".

Arquivado en