ENCE construirá este ano a súa planta de biomasa en Lourizán

Pontevedra
28 de xuño 2016

A empresa pasteira e a Xunta asinaron este martes un pacto ambiental polo que se compromete a investir 193 millóns en Pontevedra e Galicia nos próximos 4 anos. Entre outros investimentos quere que o Pazo de Lourizán sexa o seu centro de investigación

Ence e a Xunta asinan o Pacto ambiental Mónica Patxot

A empresa Ence construirá unha planta de biomasa de 40 megawatios nos terreos da fábrica de celulosa de Lourizán. Así o confirmou este martes o conselleiro delegado do grupo Ence, Ignacio Colmenares, durante a firma dun pacto ambiental coa Xunta de Galicia.

En virtude deste pacto a empresa pasteira comprométese a investir 193 millóns de euros na comarca de Pontevedra e Galicia durante o próximos catro anos. 

Este pacto é, segundo o primeiro executivo da compañía, "claro testemuño do compromiso de Ence con Pontevedra, con Galicia, coa súa xente, co medio ambiente, e co desenvolvemento económico e a creación de emprego", dixo Colmenares en galego. 

"Ence é unha compañía totalmente distinta á antiga empresa estatal de celulosas", reiterou o vicepresidente da compañía. "Estamos dedicando todas as nosas forzas e enerxías para ser querida por todos os habitantes de Pontevedra e para convertirse no motor da bioeconomía en Galicia", engadiu. Todo iso se vincula co "talante" co que Ence afronta a súa "nova etapa" en Pontevedra.

Estes investimentos supoñerán a creación un mínimo de "80 postos de traballo directos e indirectos".

Colmenares tamén anunciou que xa se están realizando os trámites administrativos necesarios para actualizar a Autorización Ambiental Integrada da fábrica así como as modificacións urbanísticas necesarias no Plan Supramunicipal que afecta a Ence para poder iniciar as obras de construción da planta de biomasa antes de que finalice o ano.

O pacto inclúe as melloras ambientais e paisaxísticas na propia fábrica por un montante superior aos 30 millóns de euros e tamén 15 millóns para a estación depuradora de Os Praceres, a construción dun campo de fútbol "preto de Lourizán", un novo programa de bolsas e axudas e unha mesa de traballo polo saneamento da ría.

Entre outros investimentos Ence quere que o Pazo de Lourizán sexa o seu centro de investigación, para o que destinarán dez millóns de euros. Aínda que este investimento está supeditada á autorización do titular do histórico edificio que é a Deputación de Pontevedra.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, ratificaron que este pacto "cumpre con ese plus de compromiso" con Pontevedra e Galicia "que nós desde a Xunta sempre lle demandabamos" ademais do estrito cumprimento da lexislación ambiental.

"Esto non é unha simple declaración de intencións, senón todo o contrario. É unha folla de ruta con medidas, investimentos e un calendario de execución concreto", sinalaron. Rueda asegurou que a sinatura deste pacto supón un "antes e un despois" na relación entre Ence e a comarca de Pontevedra.

Finalmente, Xunta e Ence anunciaron a firma dun convenio nos próximos meses mediante o cal a empresa destinará a actuacións de "carácter social, cultural e deportivo" un total de tres millóns de euros cada ano durante os 60 anos que dure a concesión o tempo que dure a concesión. En principio os beneficiarios serían os concellos de Pontevedra, Marín e Poio.

Arquivado en