ENCE apoiará a compra dun barco para as confrarías da ría

Pontevedra
02 de xuño 2016

Segundo informou a compañía pasteira, trátase dunha embarcación especial que "desempeñará un papel clave" no Proxecto de Rexeneración dos Bancos Marisqueiros no que traballan as confrarías e que será executado nos próximos meses. Alén deste proxecto, a embarcación será unha "ferramenta de traballo fundamental" para o colectivo de mariscadores das tres entidades

Embarcacións na ría de Pontevedra con Ence ao fondo Juan Mejuto

As confrarías de pescadores de Raxó, Pontevedra e Lourizán ultiman con Ence un convenio polo que a empresa apoiará a compra dun barco que os pósitos precisan.

Segundo informou a compañía pasteira, trátase dunha embarcación especial que "desempeñará un papel clave" no Proxecto de Rexeneración dos Bancos Marisqueiros no que traballan as confrarías e que será executado nos próximos meses. Alén deste proxecto, a embarcación será unha "ferramenta de traballo fundamental" para o colectivo de mariscadores das tres entidades.

Para o director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, "o realmente importante é a suma de esforzos que den traballo na Ría". Lembra Casal que "durante os últimos anos houbo unha distancia entre as partes que, á vista do estado actual da Ría, non beneficiou a ninguén. É unha mostra de compromiso apoiar ás confrarías xusto agora, cando máis o necesitan".

Pola súa banda en nome das tres confrarías, o presidente da lonxa de Campelo, Iago Tomé, quixo destacar a colaboración de Ence.

En declaracións recollidas pola empresa, Iago Tomé di que "o que máis nos importa de Ence é que o seu comportamento ambiental sexa o máis adecuado, e iso parecen indicar os datos. Por outra banda, agora mesmo temos un problema importante no marisqueo e este proxecto permítenos acometer labores de rexeneración e limpeza nos bancos marisqueiros, que doutro xeito as confrarías non poderiamos asumir. Din que a nova Ence é así, e levan tempo falándonos de compromisos, así que este convenio é unha mostra diso e é benvido. Dixémoslles que isto e máis é o que esperamos da fábrica.Nestas condicións, poderemos convivir perfectamente".

O proxecto de rexeneración ten o importante obxectivo de recuperar na zona interna da Ría moluscos bivalvos de interese comercial. É unha das accións expostas para mellorar a produción marisqueira da Ría de Pontevedra.

Arquivado en