Ence apoia ás confrarías da Ría de Pontevedra

Pontevedra
22 de novembro 2018

Dentro da categoría de "Emprendemento e Innovación" do Plan Social 2018, detémonos nos proxectos da Confraría de Pescadores San Gregorio de Raxó e a Confraría de Pescadores San Telmo de Pontevedra

Caseta de control da Confraría de Pescadores San Telmo de Pontevedra Confraría de Pescadores San Telmo de Pontevedra /ARQUIVO

O Plan Social de Ence consolídase na súa segunda edición. Tres millóns de euros en axudas a un total de 296 proxectos, 70 máis ca na edición anterior.

De entre os proxectos beneficiados, apostouse por aquelas entidades que, co seu traballo, poñen en valor a Ría de Pontevedra.

A Confraría de Pescadores San Gregorio de Raxó dará continuidade ao proxecto iniciado en 2017, cando tamén obtivo a axuda do Plan Social. Para o seu patrón maior,  Iago Tomé, trátase dunha serie de actuacións para a mellora e competitividade da confraría que "sen a axuda de Ence, sería moi difícil levalas a cabo".

Como explica en detalle a páxina web da propia confraría, o proxecto de "Dinamización e impulso socio-económico" permitiu, co apoio de Ence: o cambio da porta de acceso ao edificio social, completar o peche do enreixado exterior do muro dianteiro, a substitución do motor foraborda da embarcación de vixilancia, o inicio do peche do predio da confraría cun muro de formigón e a sementeira de ameixa na praia do Covelo (Samieira).

Desde mediados deste ano, a axuda de Ence tamén permitiu a contratación dun empregado para as oficinas, co que as actuacións levadas a cabo pola Confraría de Raxó "non só crean riqueza na ría, coa repoboación de ameixa, senón tamén postos de traballo" directos e indirectos.

A confraría conta con 140 socios, entre mariscadores a pé, a flote e barcos de pesca. Nesta última actividade destaca como a confraría da Ría de Pontevedra que máis barcos de pesca ten. Este ano, os pescadores tamén poderán contar con novos contedores de plástico para que poidan gardar os seus aparellos no porto en condicións óptimas.

A Confraría de Pescadores San Gregorio de Raxó ten o seu ámbito territorial entre a Punta Santa Mariña en Sanxenxo e o Peirao de Chouza en Combarro. Neste punto, e cara ao interior da Ría, comeza o territorio daConfraría de Pescadores San Telmo de Pontevedra, entre Combarro e Punta Cocheiras, nas inmediacións da fábrica de Ence.

Con 300 asociados, a principal actividade da Confraría San Telmo é o marisqueo, a pé e a flote. Por este motivo, gran parte da axuda do Plan Social está relacionado co posto de control de Lourido, que é o centro neurálxico da actividade da Confraría, como nos explica César Rodríguez, o patrón maior: "o centro de control está na praia do Ameixal en Lourido e é unha caseta de madeira onde os mariscadores van e pasan o control e onde os vixiantes teñen a súa oficina e o seu cuarto co seu instrumental".

A axuda de Ence posibilitou completar o peche de seguridade da caseta, para preservar todos os materiais e vehículos, entre os que se atopa un novo furgón para transportar a mercadoría dos mariscadores desde a praia á lonxa e que foi adquirido coa axuda de Ence de 2017.

A outra parte do investimento posibilitou a consolidación de catro postos de traballo: dous empregados na oficina e dous axudantes para as tarefas de vixilancia.

O furtivismo é un dos grandes retos para as confrarías, nuns tempos nos que as tecnoloxías non xogan ao seu favor: "agora con isto do whattsapp os furtivos teñen a xente controlando e poden avisar ao momento".

Ata agora, a confraría contaba cunha soa parella de vixiantes "se estaban en Lourido, tardaban moito tempo en chegar a  Combarro, por exemplo, porque tiñan que saír á estrada xeral e en dez ou quince minutos os furtivos xa marcharan" pero grazas á axuda de Ence "polas noites adoita haber catro vixiantes, que están dous en cada praia e non se moven como antes".

Os proxectos da Confraría de Pescadores San Gregorio de Raxó e a Confraría de Pescadores San Telmo de Pontevedra englóbanse na categoría de "Emprendemento e Innovación" do Plan Social 2018.

Arquivado en