Ence anuncia que rexeitará madeira procedente de explotacións ilegais ou que afecten ao patrimonio

Pontevedra
25 de xullo 2017

Ence Energía y Celulosa aprobou a súa Política de Legalidade da Madeira, un documento que recolle un conxunto de requisitos para defender e garantir a legalidade na execución das actividades de subministración forestal 

Transportistas de madeira nas instalacións de ENCE Juan Mejuto

Ence Energía y Celulosa aprobou a súa Política de Legalidade da Madeira, un documento no que recolle varios requisitos para defender e garantir a legalidade na subministración forestal. Este documento elaborouse despois de diferentes conversacións entre a compañía e as administracións e organismos de carácter ambiental e social. 

Esta iniciativa quere servir como referencia para os axentes relacionados coa madeira e orientalos para detectar prácticas ilegais, contribuíndo a evitalas. Segundo a compañía, Ence quere converterse nun exemplo e nun motor da compra de madeira legal. A empresa aposta por distanciarse de operadores que promoven prácticas de rápido beneficio pero de dubidosa legalidade, segundo a propia empresa pasteira. 

Neste sentido, Ence adquirirá unicamente madeira procedente de masas forestais nas que se cumpran todos os requisitos que estableza a normativa en vigor. Priorizará o consumo de madeira certificada FSC e/ou PEFC, establecendo como obxectivo lograr un 100% de madeira certificada na subministración das súas plantas de celulosa. 

Para levar a cabo esta práctica, a entidade esixirá aos madeireiros os mesmos requisitos de cumprimento da legalidade que aplica ás súas propias actuacións forestais.

Ademais, Ence comprométese, segundo expón nun comunicado, a rexeitar calquera partida de madeira da que se demostre a súa procedencia dunha explotación ilegal e tamén daquela madeira cuxa explotación afecte a elementos protexidos do patrimonio natural, arqueolóxico, cultural ou social, que sexa incompatible co seu aproveitamento.