ENCE acusa a APDR de mentir e ocultar información coincidindo coa época electoral

Pontevedra
08 de maio 2014

Nun comunicado emitido este xoves o Grupo ENCE sostén que nas épocas electorais de 2011 e 2012, a Asociación pola Defensa dá Ría (APDR) de Pontevedra "intensificou a súa campaña contra Ence obviando, unha vez máis, traballar para achegar solucións a aquelas cuestións na que a Ría de Pontevedra debe seguir mellorando"

Complexo industrial de ENCE-Elnosa en Lourizán

Nun comunicado emitido este xoves o Grupo ENCE sostén que nas épocas electorais de 2011 e 2012, a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra "intensificou a súa campaña contra Ence obviando, unha vez máis, traballar para achegar solucións a aquelas cuestións na que a Ría de Pontevedra debe seguir mellorando".

Ence invita a APDR a "traballar con seriedade pola mellora ambiental da Ría, a sumar esforzos polo ben común deixando de lado os seus obxectivos políticos".

A empresa pasteira nega a existencia de comporta algunha para mesturar augas nas súas antigas balsas de decantación e alterar resultados de inspeccións de Augas de Galicia. Afirma no seu escrito que non existe aviso previo de ningún tipo para as inspeccións, "unha denuncia infundada e moi grave" por parte do colectivo ecoloxista froito do "descoñecemento de APDR sobre a realidade da fábrica, quese negaron a visitar en repetidas ocasións nos últimos anos".

Ademais sostén que as coliformes son un tipo de bacteria "que non está presente de xeito sequera minimamente substancial na madeira. Mentres as confrarías de mariscadoras pediron nos últimos meses en reiteradas ocasións a solución ao problema de coliformes, e desvincularon deste de xeito explícito a Ence de acordo aos informes técnicos que as confrarías elaboran, APDR acusa a empresa de ser a orixe da presenza das coliformes na Ría".

Respecto aos resultados de analíticas de Augas de Galicia presentados aos medios de comunicación polos responsables de Defensa da Ría "omiten datos para sustentar as súas acusacións en campaña electoral" xa que "a mostra analizada por un laboratorio acreditado contratado por Ence resolveu que non se detectaron coliformes na mostra tomada por Augas de Galicia".

Finalmente Ence invita unha vez máis a APDR a "sumar esforzos con outros axentes da Ría para potenciar a creación de riqueza sostible a partir da pesca e a acuicultura, o turismo, a loxística portuaria e a actividade industrial, tal e como se fai nos países máis ricos e de maior conciencia ambiental de Europa".