Antonio Casal, director territorial de Ence, presentaba a nova convocatoria do Plan Social este mércores no edificio administrativo da Xunta en Campolongo, acompañado polo delegado territorial do goberno galego, Agustín Reguera.
As solicitudes de persoas xurídicas e físicas interesadas nas axudas deberán presentarse entre o luns 2 de setembro e o martes 1 de outubro.
Os proxectos deberán desenvolverse no ámbito territorial de Pontevedra, Marín e Poio, aínda que excepcionalmente a empresa contempla apoios a proxectos noutras áreas relacionadas con actividades forestais e coidado do medio ambiente.
Ence destina tres millóns de euros por edición, desde que en 2016 chegase a este acordo coa Xunta de Galicia.
Antonio Casal manifestaba que se trata dunha das iniciativas sociais "de maior envergadura dunha empresa privada en España" e que confirma, asegurou, o "compromiso coa sociedade".
Nas edicións anteriores beneficiáronse 1.117 proxectos entre os que se repartiron doce millóns de euros.
Os orzamentos para esta edición son:
- Promoción da inclusión social: 530.000 euros
- Recuperación e coidado do entorno: 550.000 euros
- Promoción da educación e cultura: 450.000 euros
- Promoción do emprendemento e innovación: 700.000 euros
- Promoción do deporte de base e de elite: 700.000 euros
- Administración, xestión, comunicación e dixitalización das axudas: 70.000 euros
Na anterior edición beneficiáronse 306 proxectos destas axudas dos máis de 600 presentados.
REUTILIZACIÓN DA AUGA
Antonio Casal indicaba, por outra parte, que están á espera das autorizacións por parte da administración autonómica para utilizar a anterior canalización do emisario da depuradora de Praceres. Sinalou que xa se realizaron probas piloto.
Actualmente, recoñeceu, a empresa situada en Lourizán desenvolve un proxecto de reutilización do propio efluente a través dun sistema de ósmose inversa co obxectivo de reconverter auga industrial en auga pura, utilizando máis de 400 metros cúbicos por hora.
O representante de Ence indicou que, aínda que este verán non se prevén restricións de auga, no caso de que fose necesario volvería a priorizarse o uso doméstico da auga do Lérez, evitando o consumo que realiza a fábrica.
Indicou que se está traballando dentro do marco estratéxico da empresa para os próximos anos no plan de investimentos de 120 millóns de euros destinados á fábrica, que suporán unha mellora na "competitividade e sustentabilidade" da planta, rebaixando o consumo de madeira e de enerxía, pero sen ampliar produción.
Apuntou tamén que non está previsto un incremento do número de traballadores dentro do plan de investimentos na fábrica situada na ría pontevedresa.
Pola súa banda, Agustín Reguera agradeceu en nome da Xunta a posta en marcha do quinto Plan Social de Ence: "Hai que felicitar a empresas como Ence, que ademais de ter unha actividade tractora e económica devolve parte do seu dividendo á sociedade", apuntou o delegado territorial.