Encargan un estudo para coñecer o retorno económico das Festas de Verán e a Feira Franca

Pontevedra
05 de setembro 2016

O goberno municipal espera que este estudo, que elaborará a Universidade de Vigo, reporte datos sobre o movemento económico que a Feira Franca en particular e as Festas de Verán en global xeran na cidade. Especialmente en sectores tan importantes para o municipio como a hostalería, o comercio ou os establecementos hostaleiros

Feira Franca 2016 Cristina Saiz

A recente Feira Franca foi unha edición "absolutamente de récord", segundo o goberno municipal. Niso están de acordo todos os colectivos que participan na súa organización. 

Aínda que o Concello móstrase remiso a dar cifras de asistencia porque considera "imposible" acertar cun dato sequera aproximado, Carme da Silva sinalou que se o pasado ano falábase -en diferentes ámbitos- dunhas 100.000 persoas "este ano había moitas máis".

"A Feira Franca é unha festa enormemente valorada pola xente de Pontevedra e polos que nos visitan", destacou a responsable de Festas no goberno municipal, quen celebrou que cada ano veñen máis xente de fóra vestida acorde á época medieval, o que demostra que se trata dun evento plenamente consolidado en Galicia.

Pero que retorno económico ten todo isto para o municipio? Iso é o que busca coñecer o Concello de Pontevedra mediante o estudo que encargou á Universidade de Vigo, en virtude do convenio asinado no seu día coa concellería de Promoción da Cidade. 

O goberno municipal espera que este estudo reporte datos sobre o movemento económico que a Feira Franca en particular e as Festas de Verán en global xeran na cidade. Especialmente en sectores tan importantes para o municipio como a hostalería, o comercio ou os establecementos hoteleiros.

Carme da Silva avanzou que Pontevedra estivo "desbordada" de xente este verán, axudada polas condicións climatolóxicas "favorables" e así, ademais dos tradicionais problemas puntuais coa telefonía móbil, ao Concello chegaron noticias sobre as dificultades que tiveron algúns hostaleiros para abastecer os seus negocios en determinadas datas.

Cos datos que achegue este estudo, o Concello podería analizar novas posibilidades de eventos para as Festas de Verán, pero a ampliación da Feira Franca está "totalmente descartada" tanto en número de días como en máis espazos porque Da Silva entende que prexudicaría a calidade da festa medieval.

Ademais, a concelleira de Festas quixo agradecer o traballo de todos os colectivos e persoais individuais que participaron na organización dunha Feira Franca que se desenvolveu no medio dun "bo ambiente e bo humor" e no que non houbo que lamentar incidentes. Neste sentido, fixo extensible este agradecemento aos mandos da Policía Local que estiveron un ano máis á fronte do operativo de emerxencia e seguridade.

AmpArticleViewer.default.tags