En tres meses poderase transferir a titularidade do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería

Pontevedra
26 de xaneiro 2023

A colaboración entre a Xunta e a Deputación está a facer o proceso máis áxil do previsto e permitirá materializar as cesións nun prazo máximo de tres meses. Púxose de manifesto na xuntanza mantida este xoves pola comisión mixta de seguimento do protocolo para as transferencias

Comisión mixta de seguimento do protocolo para as transferencias do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería Xunta de Galicia

A comisión mixta de seguimento do Protocolo xeral de intencións para a transmisión da titularidade do Pazo de Lourizán e da Escola de Cantería por parte da Deputación Provincial de Pontevedra á Comunidade Autónoma de Galicia reuniuse este xoves para avanzar no proceso de cesión. 

Por parte da Xunta participaron nesta xuntanza a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Manuel Vila, ademais de asistir o xerente da Axencia Galega da Industria Forestal, da Consellería do Medio Rural, Ángel Bernardo Tahoces.

A Xunta destacou que se puxo de manifesto no encontro que a "colaboración e vontade de diálogo entre ambas as administracións está a permitir o desenvolvemento áxil dos traballos".

Así acordaron redefinir o calendario das cesións. A previsión é que a transmisión destas titularidades se materialice nun prazo máximo de tres meses fronte aos seis previstos inicialmente.

No proceso de transferencia da Escola de Cantería se garante a transferencia de todo o persoal mantendo as actuais condicións laborais. Ademais, estase xa a elaborar unha proposta formativa de cara ao vindeiro curso, axeitada ás necesidades do sistema produtivo e educativo actual co fin de obter o máximo rendemento das instalacións da escola de cantería e da súa traxectoria. O obxectivo é impulsar as ensinanzas de Formación Profesional na provincia de Pontevedra para darlles resposta ás necesidades de alumnado e empresas.

No caso da Finca de Lourizán, a súa titularidade vaille permitir á Xunta traballar na recuperación deste espazo de alto valor histórico e forestal.