En outubro van trasladarse máis de trinta funcionarios municipais ao reformado primeiro andar de Michelena 30

Pontevedra
07 de agosto 2024

Esta reforma conta cun orzamento de 375.482 euros. Ramírez, empresa adxudicataria da obra, solicitara unha prórroga de dous meses debido a unha fuga accidental de auga no terceiro andar do edificio que afectou aos traballos

Primeiro andar do edificio municipal de Michelena 30 Concello de Pontevedra

As obras de reforma e renovación integral do primeiro andar do edificio administrativo de Michelena 30, en Pontevedra, entran na súa fase final.

Concluídas as principais actuacións, a dirección de obra e os técnicos municipais esperan que os traballos rematen definitivamente na primeira quincena de setembro, despois vai procederse á instalación do novo mobiliario e ao retorno do persoal que foi temporalmente reubicado no Teatro Principal durante as reformas.

Trátase de arredor dunha trintena de traballadores, pertencentes aos servizos de Contratación, Secretaría, Persoal e Riscos laborais.

Esta reforma, cun orzamento de 375.482,72 euros, forma parte do compromiso do Concello de Pontevedra por mellorar as instalacións municipais e está enmarcada no convenio coa Deputación de Pontevedra.

A alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, realizou esta mañá unha visita ás obras para avaliar o seu estado co arquitecto municipal Ángel Velando e responsables da empresa Ramírez, que realiza as obras.

As dependencias dos servizos de Contratación, Secretaría, Persoal e Riscos laborais, que se sitúan neste andar, beneficiaranse directamente destas melloras.

A renovación busca non só proporcionar un espazo de traballo máis cómodo para os funcionarios municipais, senón tamén optimizar a atención ao público, en liña co obxectivo de modernizar a administración municipal.

O prazo de execución inicial era de seis meses, pero a empresa adxudicataria solicitou unha prórroga de dous meses debido a unha fuga accidental de auga nun andar superior, que atrasou o calendario previsto.

A obra está a poucos días de ser finalizada, agárdase que en outubro, segundo indicou Eva Vilaverde, o persoal xa poida trasladarse a estas dependencias tras a instalación do mobiliario novo.

O goberno local estudará agora a execución de obras no terceiro e cuarto andar do edificio de Michelena 30 cos mesmos obxectivos.