En Marea insta ao PSOE a cumprir co prometido e pechar Ence

Pontevedra
06 de xullo 2018

O 29 de xullo remata a concesión de actividade da planta, polo que a formación esixe que o executivo central poña en marcha os trámites para o seu peche

Fábrica de Ence en Lourizán Mónica Patxot

En Marea esixe que o PSOE cumpra dende o goberno central o compromiso público coa retirada de Ence-Elnosa da Ría de Pontevedra que adquiriu no pasado, cando era aínda unha forza da oposición. A formación ve necesario que o executivo de Pedro Sánchez aproveite a "excelente oportunidade" para a paralización da actividade da planta que se abre neste momento; pois o 29 de xullo finaliza a súa concesión.

Así o indica Marcos Cal, que lembra ademais que se trata dunha medida que tamén se atopa recollida no Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, "que recoñece que esa industria non pode estar aí pola multitude de afectacións que implica".

O deputado de En Marea entende que, "cos precedentes existentes, non é de recibo que o goberno central se escude no procedemento xudicial en marcha para xustificar a paralización das necesarias medidas políticas".

"Os pregos da concesión indican que se pode proceder á paralización da actividade existindo incumprimentos, e existen motivos máis que de sobra nese sentido", afirma Cal; rotundo á hora de apuntar que "de ningún xeito se entendería que o PSOE optase agora pola inacción en lugar de poñer en marcha a necesaria e comprometida solución política e administrativa".

"Problemas de saúde; contaminación continuada de aire e auga; cambio de actividade (a concesión foi feita para a produción de papel e non contempla a xeración de enerxía na que actualmente tamén traballa a planta); recoñecidas molestias á cidadanía; modificación das edificacións superando o volume e a altura permitidas; transferencias da concesión realizadas sen a pertinente autorización do estado" son, segundo En Marea, algún dos "numerosos incumprimentos" das condicións incluídas nos pregos da concesión nas que ten incorrido Ence.

Todos eles, tal e como destaca o deputado de En Marea, permiten ao goberno poñer en marcha o expediente de paralización da actividade.

"Polo tanto, non se pode dar prórroga. Aínda que o proceso xudicial siga, esta é unha decisión política absolutamente xustificada", indica Marcos Cal.