O portavoz de En Marea, Luís Villares, denunciou este xoves que "prosegue o abandono da Xunta nas zonas afectadas polo lume".
Villares acudiu ao municipio de Ponte Caldelas para visitar as zonas afectadas pola vaga de lumes vivida no "domingo negro", nunha visita na que estivo acompañado polas deputadas, Eva Solla e Paula Quinteiro, e o deputado Marcos Cal.
Ademais os representantes de En Marea mantiveron unha reunión co alcalde da localidade, o socialista Andrés Díaz, na que tamén estiveron presentes representantes de En Marea Ponte Caldelas e das comunidades de montes da comarca.
Villares asegurou que tras a visita o grupo parlamentario puido constatar por unha banda a "notoria insuficiencia" das axudas aprobadas pola Xunta a semana pasada que "non cobren nin de lonxe" todo o traballo que están a desenvolver os municipios "nin se encargan de financiar a restauración e atención integral socio-económica de todo o tecido destruído".
En segundo lugar, o portavoz de En Marea denunciou a "irresponsabilidade" na que, ao seu xuízo, incorre o Partido Popular ao denegar a comisión de estudo solicitada polos grupos da oposición no Parlamento galego xa que a "incompetencia" e "abandono sufrido pola poboación do noso país no 'domingo negro' podería ter un remedio pero é preciso saber cales foron as causas ".
Para o portavoz de En Marea a constitución dunha comisión parlamentaria de estudo era o "lugar idóneo" para que expertos independentes puidesen avaliar "que foi o que fallou" en canto ás emerxencias, na atención de grupos de protección civil, en ordenación forestal, agropecuaria, "que falla a nivel de ordenación do territorio para poder establecer unha política alternativa", explicou.
Finalmente Luís Villares recomendou ao executivo autonómico "que aprendan de Portugal, que está a escoitar a quen sabe" e sinalou que o goberno galego "está cego porque non coñece a realidade do noso territorio" e engadiu que tamén que "está xordo porque non quere escoitar á xente que ten moito que dicir para mellorar as condicións de vida do noso país".
Pola súa banda, o alcalde Andrés Díaz transmitiulles a "soidade" dos alcaldes dos municipios afectados polo lume, "que tiveron que afrontar sen medios os traballos de extinción, a evacuación das persoas en risco e tamén a atención posterior aos damnificados".