Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, acudía este martes á presentación do Proxecto Tintilán: Bus turístico Hop On Hop Off da comarca do Salnés no Real Club Náutico de Sanxenxo.
Esta iniciativa poñerase en marcha este verán cunha ruta circular de cen quilómetros con paradas en puntos de interese turístico.
Trátase dun programa piloto no que un autobús con capacidade para sesenta persoas, que poderán subir e baixar en calquera das paradas programadas, permitirá realizar visitas a distintos municipios e espazos turísticos do Salnés.
"Este bus é unha boa nova porque significa que o destino turístico avanza coa oferta de novos produtos, porque posiciona ao Salnés como a locomotora dun tren turístico que vai pola vía da calidade, a innovación e a sustentabilidade", manifestaba Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, durante esta presentación indicando que este proxecto é tamén un reflexo da colaboración co mundo emprendedor.
Beatriz Casado e Antonio Luaña son os promotores desta proposta que busca diversificar a oferta para visitantes ás Rías Baixas.
Durante a súa intervención, Alfonso Rueda afirmaba que "poden vir aquí todos os que queiran. A nosa responsabilidade é facer un produto sustentable" para invitar os visitantes, a continuación, a vir a Galicia durante os doce meses do ano.
"Este turismo que agora mesmo é máis do 13% do noso Produto Interior Bruto pode seguir medrando con sentidiño e de xeito sustentable", asegurou o presidente da Xunta rexeitando aquelas críticas que sinalan a Galicia como un destino saturado y destacando proxectos como o do bus turístico para O Salnés.