En marcha o novo pavimentado do camiño de Esperón a Xuviño

Poio
21 de febreiro 2024

As obras estanse executando a través dun convenio asinado entre o Concello de Poio e a Xunta para mellorar infraestruturas no rural, e que permite que o proxecto, que ascende a 48.145 euros, sexa financiado integramente pola administración autonómica

Pavimentado do camiño de Esperón a Xuviño Concello de Poio

A Consellería de Medio Rural xa está executando as obras de mellora e pavimentado do camiño de Esperón a Xuviño.

O alcalde, Ángel Moldes, sinala que esta é "unha das vías municipais máis deterioradas de Poio", a pesar de que é unha estrada moi transitada por coches e ser tamén un dos pasos polos que transcorre a Variante Espiritual do Camiño de Santiago.

Moldes visitou a zona xunto co concelleiro de Obras, Marcial García. Segundo explicaron, era "urxente" dar unha solución a esta estrada, "que acumula anos de firme en mal estado e presencia de numerosos baches e socavóns que provocaban unha situación de inseguridade para os usuarios". 

O alcalde manifestou que con esta actuación, "cúmprese outro dos compromisos adquiridos por este goberno".

As obras estanse executando a través dun convenio asinado entre o Concello de Poio e a Xunta para mellorar infraestruturas no rural, e que permite que o proxecto, que ascende a 48.145 euros, sexa financiado integramente pola administración autonómica.

O vial ten unha lonxitude de 807 metros. As obras contemplan a limpeza das marxes e cunetas de todo o trazado, a pavimentación de sobreanchos e o caixeado estendido de capa.