En marcha as obras para mellorar o acceso ao Local de Música e ao albergue de peregrinos

Pontevedra
03 de xuño 2023

O Concello de Pontevedra lembra que estes traballos buscan potenciar a prioridade peonil coa creación dun espazo de convivencia fronte ao edificio onde ensaian artistas xuvenís da cidade. Tamén está previsto reformar a sinalización, renovar a iluminación, a recollida de pluviais e as barandas

Obras na contorna do Local de Música onde vai establecerse unha zona de estancia Concello de Pontevedra

Durante os últimos días, a contorna do Local de Música sométese a unha reforma para mellorar as zonas de accesoa este espazo de ensaio dos grupos de música xuvenís de Pontevedra, situado en Otero Pedrayo, onde tamén se atopa o albergue de peregrinos.

As obras inclúense no contrato de mantemento e promoven a reordenación da zona con diversas accións. Créase un vao de acceso en formigón nivelando a beirarrúa dun lado a outro; elimínanse os chanzos existentes e tamén se suprime o tamaño estreito das beirarrúas de acceso ao espazo.

Nos próximos días está prevista a instalación de sinais de prioridade peonil tanto para usuarios do Local como para as persoas que acceden ao albergue de peregrinos.

Na parte superior tamén se realizarán rebaixas e crearanse ramplas adaptadas para conectar cos percorridos peonís. A zona de aparcamento contará cun acceso peonil central e garantirase unha zona de servizos ao edificio do Local de Música.

Diante da porta de entrada principal crearase unha zona de estancia coa instalación de bancos aproveitando a actual zona verde. Cambiaranse as varandas e mellorarase a recollida de augas pluviais. Ademais está prevista a reforma da iluminación para mellorar a visibilidade nos accesos.