En marcha a instalación de pasarelas de acceso nas praias de Areas, Canelas e Panadeira

Sanxenxo
17 de setembro 2024

O investimento das actuacións nos tres areais supera os 167.000 euros

Instalación da pasarela na praia de Areas Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo está a instalar plataformas ou pasarenas para facilitar o acceso de forma segura nas praias de Areas, Panadeira e Canelas.

En Areas, renovarase un tramo de 150 metros de pasarela que transcorre pola beira do río Pintillón ata a entrada á praia. Ademais, mellorarase a protección do espazo dunar ao elevar o novo paseo 50 centímetros. 

Os traballos comezaron xa a semana pasada co levantamento do tramo que se vai a substituír. O custo desta actuación ascende a 79.149 euros e inclúese na liña 3 de axudas do Embelecemento do Litoral Galego no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation.

Nesta subvención tamén se inclúe a construción da nova pasarela na praia urbana de Panadeira e cuxos traballos está previsto que dean comezo mañá. A actuación consistirá na construción dun acceso practicable para persoas con mobilidade reducida, recuperando o espazo natural da praia ao eliminar as xardineiras existentes no fondo da praia e emprazando no seu lugar a pasarela. En total ocupará unha superficie de 73,5 metros cadrados e 2 metros de ancho. O custo destes traballos ascende a 48.387 euros.

Co obxectivo de recuperar o sistema dunar, eliminar a circulación rodada e mellorar o acceso peonil, na praia de Canelas está a habilitarse un novo itinerario peonil na zona norte do areal. Así se está construíndo unha pasarela elevada 50 centímetros sobre a actual rasante da duna e da zona de acceso rodado. Ademais, colocarase unha varanda para mellorar a seguridade no acceso. A actuación ten un custo de 39.900 euros e inclúese dentro da subvención do Fondo Compensación Ambiental.