En bicicleta, patíns ou cadeira de rodas; Pontevedra respalda a I Marcha sobre rodas de ASPACE

Pontevedra
06 de xullo 2014

Os participantes, que acudiron con todo tipo de vehículos a rodas e sen motor como bicicletas, patíns ou cadeiras de rodas, concentráronse no paseo de Montero Ríos antes de protagonizar un paseo que foi atravesando a praza de España, Arcebispo Malvar, Serra, Mugartegui, Pasantería, o Paseo de Odriozola e Michelena

Participantes na Marcha sobre rodas que ASPACE Galicia organizou en Pontevedra Diego Torrado

Preto dun cento de persoas participaron este domingo na I Marcha sobre rodas que organiza ASPACE Galicia. Tratábase dunha iniciativa que buscaba dar visibilidade ás persoas con parálise cerebral e concienciar á sociedade sobre a necesidade de que as cidades, seguindo o exemplo de Pontevedra segundo os seus impulsores, sexan accesibles para persoas con algunha discapacidade ou que se movan sobre dúas rodas.

Os participantes, que acudiron con todo tipo de vehículos a rodas e sen motor como bicicletas, patíns ou cadeiras de rodas, concentráronse no paseo de Montero Ríos antes de protagonizar un paseo que foi atravesando a praza de España, Arcebispo Malvar, Serra, Mugartegui, Pasantería, o Paseo de Odriozola e Michelena.

A esta Marcha sobre rodas acudiron tamén participantes do programa Hefesto, dependente dos servizos sociais municipais, que busca deseñar intervencións innovadoras, atractivas e inclusivas para os pontevedreses con problemas de mobilidade. Ademais de usuarios de ASPACE, pasearon pola cidade membros de Down Pontevedra-Xuntos, Alba, Juan XXIII, Amizade e o Centro Méndez Núñez.

A marcha, que tivo unha duración aproximada de media hora, concluíu na Praza de Mugartegui, onde se celebrou un merecido fin de festa.