Empresarios sanxenxinos participan na World Travel Market de Londres

Sanxenxo
06 de novembro 2018

O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo volve participar na World Travel Market de Londres da man do Clúster de Turismo de Galicia e Turismo de Galicia para seguir impulsando a internacionalización do sector turístico galego

Encontro coa ministra de Industria, Comercio e Turismo Reyes Maroto CETS

Media ducia de profesionais do sector turístico de Sanxenxo participan na World Travel Market de Londres, que se celebra ata o vindeiro mércores na capital británica dentro da misión comercial promovida polo Clúster Turismo de Galicia da man da Xunta.

Aloxamentos e turoperación fundamentalmente compoñen a misión comercial deste ano a esta feira, unha das citas máis importantes para o sector turístico a nivel internacional, que ao longo destas xornadas manterá unha axenda de contactos con operadores turísticos británicos co obxectivo de seguir traballando na internacionalización do sector turístico galego.

O obxectivo desta iniciativa de Turismo de Sanxenxo é que esta misión comercial contribúa a incrementar sinerxias entre os propios profesionais e fomentar unha primeira toma de contacto para aqueles que queren comezar a traballar con Galicia e máis especificamente con Sanxenxo ofrecendo un destino auténtico que poida ofrecer experiencias diferentes e de calidade vinculadas á España Verde.

A oferta turística galega dáse a coñecer dentro do espazo co que conta Galicia na caseta de Turespaña, como vén sendo habitual.

Entre as diferentes reunións tanto de carácter profesionais como a nivel institucionais, os empresarios de Sanxenxo tiveron a oportunidade de manter un encontro coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, así como coa secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver.

O presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Francisco González, destacou a importancia de traballar cun mercado maduro como o británico, que busca un turismo especializado e de calidade. O mercado británico é o sexto mercado internacional para Galicia.