Empezan a instalar puntos wifi gratuítos e cámaras para o cálculo de persoas na praia de Silgar

Sanxenxo
07 de febreiro 2024

A actuación enmárcase dentro do proxecto Red.es e prevese que o servizo estea operativo no verán

Traballos para instalar puntos wifi gratuítos na praia de Silgar Concello de Sanxenxo

A praia de Silgar, en pleno centro de Sanxenxo, está a ser obxecto estes días dunha actuación para dotar o areal de dez puntos wifi gratuítos así como de dez cámaras de cálculo de persoas a través de dispositivos móbiles e unha cámara panorámica que permita ver en directo o seu estado.

Segundo explicou o Concello de Sanxenxo, no Paseo de Silgar colocaranse ademais cámaras tracking de última xeración que poidan ler con tecnoloxía OCR as matrículas de vehículos, un sistema que permitirá crear estatísticas sobre densidade de tráfico, tipos de vehículos que acceden a Sanxenxo, tempo de estancia e mesmo xerar alertas se se detectan vehículos buscados polos corpos de seguridade. 

En total, explica o goberno local, está previsto instalar un total de 25 puntos wifi en distintas parroquias do municipio en zonas como Areas, Canelas ou Baltar, así como Noalla na contorna da Lanzada, e tamén se colocarán outras 14 cámaras de tracking en rotondas e accesos a Sanxenxo para axilizar o control da entrada e saída de coches.

No que respecta ás cámaras de cálculo de persoas nas praias, Sanxenxo levará a cabo un proxecto piloto en Silgar que permitirá coñecer de forma precisa datos como o número de bañistas que acceden á praia ou as horas con maior número de persoas, información que aparecerá recollida nunha pantalla que se poderá ver desde o propio areal. Esta actuación enmárcase dentro dun proxecto dotado con 1,4 millóns de euros bautizado como "Sanxenxo e O Grove: Polos Turísticos Intelixentes", do programa nacional Red.es.

A previsión municipal é que todas estas actuacións estean concluídas a tempo para telas implantadas cando comece o verán.