A menos dun mes para que se inicie o curso escolar, ás 9 da mañá deste luns 23 de agosto arrincaba a vacinación da franxa de idade de 12 a 13 anos. Este proceso gradual prolongarase durante toda a semana, co obxectivo de inmunizar ao alumnado de educación secundaria de entre 12 e 15 anos.
Segundo informa a Consellería de Sanidade, na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés para a xornada deste luns están convocadas no recinto feiral de Pontevedra un total de 4.582 persoas, e no recinto de Fexdega, en Vilagarcía de Arousa, 1.300. A vacina destinada para os 12 e 13 anos é Moderna.
INCIDENCIAS CO CONSENTIMENTO ASINADO
No caso dos menores con idades entre 12 e os 15 anos, a característica diferencial deste procedemento é que se necesitará dun consentimento informado por escrito, asinado polo pai, nai ou titor legal do menor. Este documento pódese descargar na páxina web do Sergas ou na App.
Na porta do recinto feiral de Pontevedra, membros de Protección Civil comprobaban que todos os que acudían a vacinarse trouxesen o documento asinado e a citación, antes de dirixilos á zona de vacinas. Segundo puidemos comprobar, un gran número de acompañantes aseguraban que descoñecían esta obriga, xa que no sms da citación non constaba ningún dato ao respecto. Os que foran citados a través da web, si podían acceder a esta información. En previsión desta circunstancia, xunto á porta de entrada habilitouse un mostrador e mesas onde aos responsables dos menores se lles facilitaba o documento para cubrilo no momento.
Begoña Yácer é nai de Victoria, de 13 anos, e comenta que, malia que son varias follas de información, comprender o consentimento informado non lle resultou complicado porque "eu xa tiven que traer o consentimento para min porque me puxeron combinada, AstraZeneca e logo Pfizer, e tiven que autorizalo". No seu caso, con ambas vacinas "tiven malestar e febre, máis acusado tras a primeira dose" pero confía en que a súa filla non experimente ningún efecto secundario. "Dixéronnos que se tiña malestar ao longo do día que tome un paracetamol ou un Apiretal, pero como ela non toma nada non creo que se atope mal", indica a nai, mentres a filla confirma este estado de tranquilidade ao afirmar que todo o proceso "foi moi ben, porque a agulla é moi fina, entón case non a notas cando cha poñen e cha sacan".
FAMILIAS CON VARIAS CITAS NUNHA SEMANA
O feito de que esta semana sexan inmunizados os escolares de entre 12 anos e menores de 16 implica que moitas familias teñan que apuntar varias citas no calendario. É o caso de Elisa Pisos, que acudía ao recinto feiral co seu fillo Uxío, de 13 anos, e que terá que repetir visita. "Imos a volver porque temos un neno de 15 anos e tócalle o mércores vacunarse", apunta Elisa ao tempo que manifesta que "non viñemos con nervios, tiñamos ganas de vacunalos, en casa estamos todos vacunados e solo faltan os nenos, así que moi contentos". Uxío, pola súa parte, tamén confirma que lle apetecía vacinarse para "poder facer máis cousas" e que "como me dixeron que non ía doer, viña tranquilo, entramos, me pincharon e xa, non doeu nada".
Emiliano Quintillán acompaña ao seu fillo Darío e recoñece o ben organizado que encontrou todo o proceso porque "vin o outro día cos maiores de 21 anos e había moitísima xente e hoxe vai todo moi fluído, vai ben, non tardamos nin dez minutos". Precisamente Darío é o último da casa en vacinarse e asegura que "non viña con nervios" e que se atopaba ben, "nin mareado nin nada", pese á calor. Segundo lles informaron, serán citados para a segunda dose en 28 días.
TERESA VILLANUEVA, COORDINADORA DE VACINACIÓN
A fluidez coa que se está procedendo ás vacinacións débese a unha organización precisa na que destaca o labor dos profesionais e a distribución do espazo, con 15 postos habilitados. No número sete atende Teresa Villanueva, enfermeira que ademais de vacinar asume o labor de coordinación xunto a outro compañeiro, Martín, ao estar a coordinadora principal de vacacións. Entrevistámola unha hora e media despois de comezar as primeiras vacinacións.
- Nós empezamos ás 8 da mañá. De 8 a 9 preparamos as vacinas, unha carga inicial, e despois ao longo do día imos preparando segundo as necesidades. Logo as portas abrímolas ás 9 e dende entón o día está indo moi tranquililo, moi fluído e moi ben.
Xunto ao posto 7 atópase a zona de recuperación, cunha padiola para deitar a quen sufra un mareo. Mentres falamos con Teresa, chega un menor acompañado e déitano. Preto, outro neno é trasladado en cadeira de rodas e tranquilízano mentres respira sobre unha bolsa de plástico. A temperatura no recinto feiral vai elevándose e Teresa Villanueva aclara que esta é a principal razón destes mareos. Con respecto a esta franxa de idade de 12 e 13 anos sinala que "eles están acostumados a vacunarse, non como os adultos, entón moi ben, non hai problema, veñen colaborativos e moi tranquilos".
Neste punto é inevitable preguntarlle se coa súa experiencia, vacinando desde o mes de febreiro, nota diferenzas segundo a idade, e a resposta é negativa, agás cun leve matiz. "Nos adolescentes que tuvemos estes días de 18, 19 ou 20 si que houbo varios desmaios, pero bueno, son cousas limitadas e non teñen maior importancia", engade. E cal é a razón para que haxa máis incidencias neste treito de idade? A resposta é sinxela: "os nervios e a calor". En todo caso, estas situacións entran dentro da normalidade. Engade Teresa Villanueva que "incluso se alguén chega e nos di que ten medo ás agullas e se marea, vacunámolo na camilla sen problema", outro punto máis de tranquilidade para acudir a vacinarse.