Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unha receita que nos trae os sabores da cociña asiática e coa que imos aproveitar todos os beneficios dun dos moluscos máis importantes das nosas Rías: o mexillón.
Os Mexillóns Pescamar son un produto natural altamente nutritivo, grazas á súa achega en ferro, fósforo, vitamina B12 e omega 3. O seu baixo contido en graxas e alta porcentaxe de proteínas, convértenos nunha perfecta alternativa ás carnes vermellas en dietas saudables e de control de peso.
As empanadillas ao vapor son un prato típico en China, Xapón e Corea, onde toman diferentes nomes. En China, os jiaozi denomínanse así debido á súa forma de corno, xa que ambas as palabras soan igual na lingua chinesa; en xaponés, a pronuncia desta mesma palabra convértese en gyoza, xa que comparten a forma de corno, coa única diferenza dun destacado sabor a allo; en Corea, a empanadilla cocida ou ao vapor toma o nome de mandu, que significa 'pan cocido' e alude ao modo de preparación desta masa.
Para preparar unhas saborosas Empanadillas ao vapor con mexillóns gourmet Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata demexillóns das Rías en escabeche con aceite de oliva gourmet Pescamar
- 100 gr. de gambas peladas cocidas
- 2 follas de ceboliña
- 4 culleradas de salsa de soia
- verduras variadas (ao gusto)
- 10 obleas de masa wonton
- sementes de sésamo ou pebidas de cabaza (opcional)
Elaboración:
Nun bol mesturamos, previamente escoados, os mexillóns das Rías en escabeche con aceite de oliva gourmet Pescamar coas gambas cortadas en anacos, a ceboliña picada, a salsa de soia e as verduras cortadas moi finas.
Colocamos en cada folla de masa wonton unha cullerada da mestura e pechamos a oblea formando un saquiño, que acabaremos de xuntar coa axuda dun garfo.
Engadimos auga a unha pota compatible coa vaporeira, que colocaremos enriba cun papel de forno para evitar que se peguen as empanadillas. Colocarémolas sobre a superficie, cubrimos cunha tapa e cociñamos durante 30 minutos.
Unha opción para darlle máis vistosidade a este prato consiste en empoar con sementes de sésamo ou pebedas de cabaza trituradas antes de cociñar a masa.
En dúas semanas volvemos cunha nova proposta de "A cociña gourmet en conserva" cos produtos do mar de alta calidade de Conservas Pescamar.